«Na Ulloa hai devoción pola familia dos Ouro»

O escritor Xulio Pardo de Neyra presenta un libro sobre as familias fidalgas de Palas represaliadas polo franquismo

.

lugo / la voz

Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) presenta hoxe ás oito do serán no Centro de Artesanía, coa presenza do presidente da Deputación, Da fidalguía á República. Achegamento histórico aos estratos fidalgo e labrego da Ulloa através das familias Arias-Somoza e Ouro. Trátase dun libro moi persoal que recolle a historia de dúas familias fidalgas que apoiaron á República e que sufriron a represión do franquismo.

-De onde xorde a idea de poñer en valor a historia destas familias?

-Da miña teima particular, xa que se trata da familia da miña avoa materna, caste coa que se criou a miña nai e eu mesmo. É esta caste, a dos e das Ouros-Arias, unha familia interesante politicamente, á que lle debo un coñecemento profundo sobre os feitos de 1936, sobre a represión fascista española e á que mesmo lle debo máis que o simple treito xenético. A súa persecución foi tan grande que a súa sona traspasou a Terra da Ulloa, e a resultas de teren creado unha rede amical con interesantes figuras da cultura lucense (os Foles, Pardo Gil, Cela Sanmartino, Peña Novo, os Grandíos, Seijas Vázquez, os Taboada Roca, Pérez de Guerra, Amando Losada). Eu mesmo adquirín parte dos argumentos que levaran esas xentes a defender os ideais democráticos e galeguistas.

-Era habitual atopar familias fidalgas na Galiza que apoiasen a causa republicana?

-No caso dos e das Ouro-Arias, a súa procedencia, como a «foleana», asentaba no espírito rural máis vedraño, reunindo tanto unha procedencia labrega como uns devanceiros fidalgos. Son un exemplo desa burguesía afidalgada que tan ben se souberon amoldar aos novos estabelecementos dunha sociedade diferente a aquela de señores e vasalos que durante xeracións rexera a Galiza. No caso que nos ocupa, a figura fundamental foi a do notario palense José Ouro Arias, célebre político. Constituíu un líder de masas na Ulloa, e sobre todo das persoas máis desfavorecidas. Aínda mo lembraba hai pouco Divina, a propietaria da panadería Manso de Antas de Ulla, falándome de «don José Ouro» cunha devoción enorme, significándoo como un dos máis destacados defensores das xentes pobres desa atrasada Ulloa de preguerra. Malia que cunha formación monárquica, o seu pensamento virou cara á esquerda, comprometido coa realidade tan miserenta que vivía A Ulloa.

-Que papel xogaron para que as grandes figuras da República se interesasen por Lugo?

-No caso de José Ouro, a súa proxección política socialista serviu para que se aproximase a Azaña e Casares Quiroga, cos que desenvolveu unha relación íntima: non en van, el foi quen lle presentou unha prima súa, a miña tía Consuelo García Soto, dona da Casa-Grande d’A Viña en Ambreixo, con quen Azaña mantivo unha relación amorosa de moitos anos. Mercé á súa relación coa esfera republicana española, a familia de Ouro provocou un desenvolvemento sen precedentes na Ulloa, como no eido da produción de enerxía eléctrica. A eles (tanto a Ouro como aos seus cuñados José Pardo Esperanza, o señor de Chorexe, e Germán Fente Besteiro, señor da Casa-Grande de Fente; así como ao seu sobriño José Ouro Arias de Xeré, debe tanto Antas como Palas a posta en funcionamento de saltos de auga e mesmo a constitución do célebre balneario de Frádegas) débese, en boa medida, parte da pequena actividade industrial daquela bisbarra; malia que non conseguisen, como querían, o achegamento dos camiños de ferro cara a esas terras.

-Como foi a represión?

-Debido á súa enorme proxección política, o franquismo decidiu castigar case sen límites a familia Ouro en bloque. Non hai unha familia na Galiza con tantos e tantas represaliadas: desde o propio notario Ouro, o seu cuñado o alcalde frontepopulista de Palas Vázquez Ouro (curmán seu, amais), as súas fillas e fillos, sobriños e mesmo o seu sobriño neto político Paulino Pardo de Neyra, meu avó, a quen lle debo innúmeras informacións sobre a sublevación de 1936 e a represión que viñeron por sufrir a maior parte dos descendentes daquel alcalde palense novecentista Manuel Ouro Varela-Besteyro. Perderon a honra: falar dos e das Ouros en Palas até hai pouco tempo era falar de xente pouco recomendábel, xente desafecta ao orde que o fascismo proclamaba emanado da divindade. Foron duramente castigados. Algún condenado sen xuízo previo (o caso de meu avó, que en xullo de 1936 se encerrou, con máis homes armados no concello de Palas co gallo de non traspasarlla aos falanxistas), obxecto de desterros e sancións, torturas, encarceramentos e mesmo abusos sexuais...

-Fala de Ramón Ferreiro...

-Foi gobernador civil de Lugo e xefe da falanxe, viviu obsesionado coa idea de apreixar tanto a José Ouro como a Faustino Cela Sanmartino, ao primeiro acusándoo de ser un destacado anticlerical e un socialista perigosísimo, e ao segundo tratándo de identificalo como o instigador das queimas de igrexas por Becerreá, onde exercía a súa influencia esquerdista. As ordes e os bandos que asinaba e redixía Ramón Ferreiro dan contas da súa teimuda obsesión por tratar de localizar ambos políticos, que consideraba perigosos.

- Cal é o legado destas familias?

-É o xerme do noso ideal democrático, e sobre todo nestes tempos tan reaccionarios. Hoxe máis que nunca, desde 1975, falar deste tipo de ideas e de persoas semella constituír un acto de rancor para boa parte da sociedade. Hai moita xente que non entende que se trate de estudar a historia, os feitos pasados. No caso da miña familia, polo menos, ese legado serviu para que hoxe convivamos persoas de talante máis tradicionalista, de enerxía progresista, seguidores da igrexa católica, rexeitadores desa organización, xentes dereitistas e progresistas, mesmo galeguistas e independentistas, que comprendemos que a ideoloxía non está reñida coa templanza, a solidariedade humana e o amor familiar, onde cada persoa poida expresarse como o desexe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

«Na Ulloa hai devoción pola familia dos Ouro»