«Cumprimos un soño: que o Gaiteiro de Santo Xusto soe por todo o mundo»

Acaba de publicar un cedé-libro con parte do repertorio que aprendeu do seu avó


Lugo / La Voz

Bruno Villamor (Lugo, 1978) traballa como gaiteiro, compositor (grupos Zoelas, Tango en Xan3iro, A Vagabán...) e profesor de diferentes disciplinas musicais, ademais de levar a dirección artística de Cántigas e Frores. Hai uns días, sacou ao mercado o cedé-libro O Gaiteiro de Santo Xusto. O son da Ulloa, no que recolle parte do repertorio que aprendeu do seu avó Ramiro Villamor, reinterpretado. Neste proxecto poñen música, ademais do propio Bruno, recoñecidos músicos como Davide Salvado, Pepe Vaamonde, Xisco Feijóo, Germán Díaz, Cántigas e Frores, Os Minhotos...

-¿Como xurdiu a idea de publicar este traballo?

-No 2014 publiquei o libro O son da Ulloa, no que recollo as vivencias do meu avó Ramiro Villamor. A raíz de aí, empezáronme a pedir nas presentacións un audio co que complementar o traballo. Ao principio non o fixen porque tiña poucas gravacións de meu avó, pero finalmente decidín facelo coa colaboración de músicos de referencia, reinterpretando trece temas do repertorio de Ramiro. Son temas que meu avó interpretaba, pero coa transmisión oral é difícil saber canto hai de composición propia.

-¿Foi difícil elixir os temas?

-O traballo de investigación e posta en valor xa estaba feito para o primeiro libro, así que neste caso só foi escoller os temas e interpretalos.

-¿Como era o seu avó?

-É importante o seu labor -xa que viviu nos anos da posguerra- de repartir alegría e ilusión polas aldeas ás que ía. A xente falaba del con agarimo e con paixón. El foi un músico autodidacta, que centrou os seus esforzos vitais na música e en que os rapaces da aldea aprendesen a tocar e a bailar. A festa máis sonada era a do Entroido, que botaba meses preparando. Esta festa acadou con el cotas importantísimas, foi un dos máis visitados da comarca e viñan autobuses de toda a provincia.

-¿Como foi a súa relación con el?

-El morreu no ano 94, cando eu tiña 14 anos. Cheguei a tocar con el, pero non todo o que me gustaría. O que si me transmitiu foi o seu amor pola música galega e o cariño polo noso idioma. A súa influenza foi moita, porque grazas a el, eu son músico. Non só iso; na nosa familia houbo sempre moito respecto pola música, e iso tamén foi decisivo para que me apoiaran cando deixei a enxeñaría que cursaba para dedicarme á música. E non só foi decisiva a súa influenza en min, senón no resto da familia. Dos 19 netos que ten, 14 temos vinculacións coa música e o baile tradicional.

-¿Cal foi a pegada de Ramiro na música galega?

-A súa pegada quedou, sobre todo, na comarca da Ulloa. De feito, ata ten unha rúa co seu nome en Palas, e iso é algo inaudito para un músico, pero no seu caso foi un artista respectado na época e a súa influencia foi moi grande. Ademais, cando vou falar coa xente maior que o coñeceu, fala do bondadoso que era. Está claro que a súa pegada vai máis alá da música, el era un referente. Lembro un día que veu unha muller falarme emocionada porque contaba que a meu avó o seguían de aldea en aldea para oílo tocar. Meu pai e meu tío, tamén músicos e colaboradores neste traballo, falan daquela época, da de meu avó, con moita paixón.

-¿Como está organizando a distribución do disco?

-En Lugo pode mercarse en Don Disco, Arco Iris, Iskoö e Cántigas e Frores. Este foi unha autoedición porque eu quería ter o control absoluto do proceso. Este traballo foi un capricho, un soño plasmado, un traballo especial e non caduco. Na familia acolleuse con moita ilusión este proxecto porque cumprimos un soño: que Ramiro, o Gaiteiro de Santo Xusto, soe por todo o mundo.

Naceu en Toques (A Coruña), pero moi novo estableceuse en Santo Xusto (Palas de Rei). As primeiras melodías que interpretou foron nunha «pipa» ou «gaita de alcacén» cando ía co gando. O primeiro contacto que tivo cunha gaita foi nunha Cátedra da Sección Feminina en Pidre, en 1960, a onde foi cunha gaita prestada. Así pasou a ser coñecido como O Gaiteiro de Santo Xusto e gañou un oco importante na memoria histórica musical da comarca

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Cumprimos un soño: que o Gaiteiro de Santo Xusto soe por todo o mundo»