Outeiro de Rei aproba a ampliación da potabilizadora para garantir a capacidade de abastecemento veciñal
OUTEIRO DE REI
Durante o pleno ordinario de setembro deuse luz verde aos axustes orzamentarios con oito votos a favor e catro en contra para dar resposta ao crecemento demográfico do municipio
24 sep 2026 . Actualizado a las 20:26 h.O Concello de Outeiro de Rei celebrou este xoves o seu pleno ordinario de setembro, onde se aprobou unha nova modificación de créditos destinada a reforzar diversas partidas orzamentarias e adaptar os recursos municipais ao aumento de poboación do municipio. A medida saíu adiante con oito votos a favor e catro en contra.
Entre os investimentos contemplados atópase a ampliación da potabilizadora de auga, unha obra clave para garantir a capacidade e calidade do abastecemento veciñal. A modificación permitira tamén reforzar os servizos de atención temperá, reparar os parques infantís de Santa Isabel e Guillar, arranxar camiños municipais na contorna de Penas de Rodas e construír novos nichos. Desde o equipo de goberno sinalaron que esta reestruturación responde á necesidade de adaptar os servizos públicos e as infraestruturas á realidade dun concello en constante expansión.
Na mesma sesión aprobouse o expediente sobre bonificacións tributarias, con nove votos a favor e tres abstencións, orientadas a favorecer a instalación de novas empresas e dinamizar a actividade económica local. Así mesmo, no pleno aprobouse a planificación e ordenación de persoal por unanimidade.
Por último, a corporación deu luz verde, cos oito votos do Partido Popular e catro en contra, a unha moción en defensa da soberanía española sobre Ceuta e Melilla, na que se reclama a protección das cidades autónomas e o cumprimento das obrigas na regulación dos fluxos migratorios.