«Os transexuais poden sentirse máis sinalados na cidade que no rural»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Cristina Palacios conta que o foco sempre se pon nas persoas transexuais
Cristina Palacios conta que o foco sempre se pon nas persoas transexuais PACO RODRÍGUEZ

A presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans, Cristina Palacios, sinala que os pais son os que máis rexeitan ás súas crianzas

19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristina Palacios é socia fundadora e presidenta da asociación de familias de menores transexuais (ARELAS) pola súa filla Sara. Cando a súa pequena decidiu hai sete anos dar o paso e vivir coma unha nena, a súa nai experimentou en primeira persoa os atrancos administrativos aos que se enfrontaron e tamén a soidade durante todo o proceso. Agora, dende a súa casa de Outeiro de Rei, Cristina desprázase a centros educativos de todos os recunchos de Galicia. Ela é activista dende que se deu conta de que Sara tiña menos dereitos que o seu outro fillo.

—Como foi apoiar a Sara no seu tránsito?

—Sempre nos dicían que era o primeiro caso que vían. Ela tiña daquela oito anos. Eu buscaba información e vía que non había nada, pero souben que había familias de fóra de Galicia que deixaban que os seus fillos pequenos viviran ca súa identidade.

—Cal foi a súa reacción cando o seu fillo lle dixo que era unha nena?

—Eu ao principio ríame. Todos os días se vestía ca miña roupa e a min simplemente me parecía gracioso. Despois, ela xa quería trasladar fóra o que facía na casa. Aí comecei a sentirme moi cuestionada. Entón, cheguei á conclusión de que ela non lle facía dano a ninguén. Para min foi unha loita entre o que debía facer para ser para os demais unha boa nai co que Sara me pedía.

—Como naceu Arelas?

—Co da miña filla comezaron a aparecer familias que vivían algo similar e a chamarme. O de crear a asociación foi algo que xurdiu case espontaneamente. Eu xa facía activismo daquela.

—As familias apoian aos menores?

—Hai familias que apoian ás súas crianzas, pero dun xeito algo transfóbico. Queren que os seus fillos e fillas pasen por cisexuais.

—Que significa isto?

—Que tratan de que non se saiba que son trans. Por iso non fan activismo, porque non queren que ninguén os recoñeza. Aínda así, en Galicia hai pouco activismo. Aquí non hai conciencia de colectividade.

—A quen lle custa máis aceptar a decisión da crianza?

—Que o pai é o que rexeita case sempre é unha realidade. En Arelas coñecemos varias nais que teñen unha loita xudicial co home tremenda. Eles empregan o tema como moeda de cambio e incluso como un castigo cara a muller.

—Hai quen pensa que os nenos non poden decidir.

—Os nenos saben o que son dende que teñen uso de razón e comezan a nomear o mundo. Eu vivino ca miña filla. Con tres anos e medio dicíame que non era un neno.

—Hai activismo nunha provincia como Lugo?

—Lugo e Ourense é onde menos activismo hai. Eu creo que é pola vergoña social, polo ‘qué dirán’. Aquí hai rapaces e rapazas trans, pero a maioría son maiores e fixeron o tránsito sen apoio familiar.

—Hai máis rexeitamento nas cidades que nas zonas rurais?

—A min a experiencia dime que si. Eu en Lugo sentinme moi cuestionada e observada. En parte, por iso decidimos marchar para Outeiro.

—E cando se mudaron?

—Sara era pequena. Alí sinto que creceu moi protexida. Cando fixo o tránsito non houbo ningún problema. É máis, algúns veciños dixéronnos que estaban moi orgullosos de nós.

—O da maior aceptación no rural resultará inesperado para moitos.

—As experiencias que coñecín demostraron que os trans poden sentirse máis sinalados nas cidades. A priori, pensamos que no rural hai máis descoñecemento porque tamén son menos os recursos. Pero unha vez contas as cousas eu creo que a xente do campo empatiza máis que moita xente da urbe.

—A xente maior enténdeo?

—Non podemos pensar que unha persoa por ser maior e do rural non o vai entender porque ao mellor a sorpresa levámola con outra que vai de moderna. É unha cuestión de empatía, que non ten que ver co contexto no que vive a persoa.

—Moitos transexuais séntense sinalados pola rúa.

—Porque sempre se pon o foco nas persoas trans. Pero a transexualidade existe porque lles poñemos dúas etiquetas aos bebés nada máis nacer e só polos seus xenitais.

—A lei está ao seu favor?

—En Galicia temos unha lei aprobada no 2014 de non discriminación do colectivo LGTBI que dedica tres frases á transexualidade. Nós no 2017 impulsamos unha lei galega de identidade de xénero, pero démonos de fronte ca maioría do PP, que non deixou nin debatela. Necesitamos leis. Os menores trans viven nun limbo e os seus dereitos non están recollidos en ningún sitio. Todo o que conseguimos é loitando.