Alberte Ansede: «A cultura non pode estar confinada porque é esencial para a vida cotiá das persoas»

Laura López LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Alberte Ansede
Alberte Ansede

O secretario da Fundación Manuel María explica que o programa cultural da Casa-Museo, de Outeiro de Rei, recupera a «normalidade» con maxia, roteiros e literatura

03 oct 2020 . Actualizado a las 17:45 h.

Un verán marcado polas restricións e a incerteza na organización das programacións culturais deu paso a un outono que está a seguir a mesma tónica. Pero o sector cultural teno claro: «A cultura non pode estar confinada porque é un elemento moi importante para a vida cotiá das persoas». Así o afirma Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Por este motivo, «seguindo estritamente as indicacións sanitarias motivadas pola covid-19», a actividade cultural volta esta fin de semana á Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

-Como será esta nova programación cultural?

-Queremos volver a unha programación «normal», pero limitando a asistencia e garantindo as medidas de seguridade. A idea é facer actividades todas as fines de semana, temos ganas e hai moita xente que nolo está pedindo tamén. Comezamos este sábado cun espectáculo de maxia para toda a familia, a cargo do Mago Martín Camiña, e seguiremos o domingo cun roteiro, se o tempo o permite. A próxima fin de semana celebraremos o encontro anual cos amigos e amigas da Casa-Museo, que terá unha parte aberta ao público. Aproveitaremos para presentar un libro de Manuel María, Remol, cando se cumpren cincuenta anos da súa primeira edición. Para iso, fixemos unha reimpresión, na que incluímos gravacións do propio Manuel María recitando varios poemas. Ademais, contaremos con Soledad Felloza, que ofrecerá un monólogo. Tamén continúan as visitas guiadas ao museo, porque segue habendo moito que contar.

-As actividades precisan sempre reserva previa?

-Si. De feito, o espectáculo de maxia deste sábado xa está completo. Antes da pandemia xa enchiamos nas actividades familiares, e agora, cun terzo do aforo aproximadamente, pois aínda máis. A verdade é que nos doe terlle que dicir á xente que non pode entrar porque está o aforo completo, pero máis nos doería non ofrecer nada. Ademais, creo que quedou demostrado que non é neste tipo de actividades onde se producen os contaxios.

-Haberá visitas escolares este ano?

-Este ano non haberá nada diso. Sempre, por estas datas, enviamos aos colexios as nosas propostas de traballo, pero nesta ocasión, coa grande incerteza na que están nos centros, xa non o fixemos.

-Como foi o verán coas visitas guiadas na Casa-Museo?

-Vímonos moi afectados pola situación, cun gran retraemento da xente. O feito de terse que anotar forza a facer unha planificación que non é moi común para este tipo de actividades, porque cando a xente fai algunha visita deste tipo quere certa liberdade de horarios, así que iso entorpeceu bastante. Pero dentro desa fatalidade estamos relativamente contentos porque as visitas están sendo máis proveitosas, e en setembro notouse un repunte na afluencia de xente. Tamén celebramos o Convivio da Cultura Galega, cun formato diferente, pero con moito éxito.

A Casa-Museo muda de horario

A Casa-Museo Manuel María muda de horario esta fin de semana para ser visitada. Ata o mes de abril (incluído) poderase visitar o centro sábados e festivos de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Recoméndase chamar ou escribir previamente un WhatsApp ou un correo electrónico ao 698 177 621 ou a contacto@casamuseomanuelmaria.gal.