A construción en madeira en Outeiro de Rei, exemplo do compromiso coa eficiencia enerxética

La Voz LUGO

OUTEIRO DE REI

O conselleiro de Economía en funcións, Francisco Conde, visita a primeira vivenda da provincia de Lugo que aspira a obter o certificado Passivhauss

05 ago 2020 . Actualizado a las 14:14 h.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, visitou en Outeiro de Rei unha vivenda construída por Maderas Besteiro, a primeira da provincia de Lugo que aspira a obter o certificado Passivhauss, e destacou o compromiso da Xunta coa eficiencia enerxética e o respecto medio ambiental a través do impulso da construción en madeira.

Conde explicou que esta aposta supón «un salto cualitativo, xa que permite xerar valor na cadea forestal a través de vivendas eficientes» e subliñou que promover a edificación en madeira é unha oportunidade tanto para a industria forestal como para o sector da construción ao utilizar un recurso autóctono.

Terceira xeración

Maderas Besteiro, empresa familiar de terceira xeración, está sendo pioneira na aposta polos novos usos da madeira ligada á construción grazas ao impulso da innovación e ao seu esforzo por dar resposta ás novas demandas do mercado.

«Seguiremos traballando para que Galicia se posicione e marque a diferencia a través dun recurso autóctono como a madeira e afrontar, deste xeito, os retos de futuro en materia de sustentabilidade», asegurou o conselleiro.

Neste sentido, a Xunta recordou que mantén aberta a convocatoria de axudas Emprega Madeira, dirixidas a particulares, autónomos e empresas para a construción ou rehabilitación de vivendas, naves e locais comerciais, a fabricación de envases, embalaxe e expositores, e a redacción de proxectos en madeira. O obxectivo é fomentar o uso deste material autóctono e conseguir unha Galicia máis verde.