Alberte Ansede, da Fundación Manuel María: «As visitas guiadas son privilexiadas nestes momentos, porque están máis personalizadas»

A Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei, reabriu as súas portas, só para grupos moi reducidos e previa reserva

Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María

La Voz / Lugo

Alberte Ansede é o secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que xestiona a Casa-Museo Manuel María, situada en Outeiro de Rei. Tralo peche das instalacións pola situación de alerta sanitaria decretada por mor da pandemia do covid-19, o pasado día 16 reabriu as súas portas e retomou as visitas guiadas. Estes percorridos permiten achegar a traxectoria vital e literaria de Manuel María. No seu interior, entre outras cousas, pódese ver a biblioteca de Manuel María, que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galicia desde a posguerra, un fondo artístico con obras de destacados pintores galegos contemporáneos, documentación para coñecer a historia de Galicia da última metade do século XX, mobiliario e obxectos persoais do escritor.

As visitas presenciais, á espera de como sexan as condicións na fase 3, poden facerse os sábados e os domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas, pero recomendan reservar antes escribindo un WhatsApp ou chamando ao teléfono 698 177 621, ou ben enviando un correo electrónico a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, pois só se admiten tres persoas por visita.

-Como están sendo estas primeiras visitas presenciais da desescalada?

-Abrimos o primeiro día que as autoridades o permitiron, pero nótase unha menor afluencia, hai un retraemento á hora de acudir a espazos públicos, e iso é reflexo do estado anímico da sociedade. Aínda así, si que chama moita xente para informarse. Todo iso é comprensible, pero quero recordar que as visitas á Casa-Museo Manuel María non supoñen ningún perigo e son completamente controladas; cumprimos coas normas sanitarias que marcan as autoridades, faltaría máis, pero tomamos precaucións a maiores, polo que son percorridos moi seguros. Ademais, as visitas guiadas son privilexiadas nestes momentos, porque están máis personalizadas, así que son aínda de máis calidade.

-Por que son de máis calidade?

-O público que visita a Casa-Museo Manuel María é moi diverso. Hai visitantes circunstanciais, que están pola zona e deciden achegarse, sen saber nada de Manuel María, outros que son lectores do autor, profesores, e outras persoas moi coñecedoras da súa obra... E agora, coa limitación de público, adaptámonos moito máis aos seus intereses, acomodámonos á familiarización cultural que cadaquén ten con Manuel María. E a visita non ten un tempo concreto, o tempo márcao o visitante. Neste sentido, creo que é unha visita privilexiada.

-Que pode descubrir o público nestas visitas?

-Como digo, adaptámonos aos intereses de cadaquén. Na visita á Casa-Museo pódese descubrir a vida e a obra de Manuel María, que non só foi poeta, senón que tamén escribiu máis de 1.500 artigos xornalísticos. Pero outras persoas están máis interesadas na parte histórica, nese período do século XX ou tamén na transformación do medio rural. E mesmo descubrimos a moita xente especialmente interesada na arquitectura, xa que a Casa-Museo é unha casa tipicamente chairega, moi ben restaurada e con moito detalle. Así que non só está aberta aos amantes da literatura. Ofrecemos unha explicación que, partindo dos intereses de cadaquén, se vincule co autor chairego.

-E que outras actividades porán en marcha?

-Vímonos moi afectados porque nos coincidiu co período máis alto de visitas escolares, que é entre marzo e xuño. Tampouco puidemos ter visitas de asociacións, nin maiores nin outros colectivos. Así que a afluencia baixounos un 40%, pero non imos enrugarnos por iso, seguiremos organizando cousas. Os roteiros, por exemplo, imos facelos igual, e todas as actividades culturais que faciamos no auditorio (concertos, contacontos, charlas, teatro...) xa paraban no verán e esperamos poder retomalas en setembro como cada ano.

-Haberá Convivio da Cultura Galega?

-As actividades exteriores ímolas manter, pero o Convivio aprazámolo porque xuntaba a máis de mil persoas. Sempre se celebra o segundo sábado de xullo, pero agora non nos dá tempo a adaptar as condicións para que sexa seguro, así que o faremos en setembro.

«Non só está aberta para os amantes da literatura, hai xente interesada na historia ou na arquitectura»

«O Convivio da Cultura Galega, que sempre se celebraba en xullo, aprazámolo para setembro»

Ofrecen visitas virtuais desde a páxina web

Por outra banda, a través da web casamuseomanuelmaria.gal ofrécense visitas virtuais á Casa-Museo Manuel María (https://www.youtube.com/watch?v=uYh6AwFuSKI), ademais de dar acceso ao catálogo da biblioteca e fondos documentais e de propoñer roteiros para coñecer este espazo e a súa contorna.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

Alberte Ansede, da Fundación Manuel María: «As visitas guiadas son privilexiadas nestes momentos, porque están máis personalizadas»