Licitan as obras do itinerario peonil e ciclista na LU-115 en Outeiro de Rei

La Voz

OUTEIRO DE REI

Son 245 metros de lonxitude ao carón da estrada autonómica, entre as glorietas existentes para acceso ao polígono industrial A Matela

19 oct 2019 . Actualizado a las 18:59 h.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou ao alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, da publicación esta semana na Plataforma de contratos da Xunta da licitación das obras de execución dunha senda peonil e ciclista na  estrada LU-115, no polígono industrial A Matela, por un orzamento de case 390.000 euros.

Nunha reunión mantida na delegación territorial da Xunta en Lugo, a conselleira indicoulle que as empresas interesadas na realización desta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 13 de novembro.

Avanzoulle ao rexedor que os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses e se prevén iniciar no primeiro trimestre do 2020. Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten como obxectivo fomentar o modelo de mobilidade sostible a través da dotación da senda peonil ? ciclista, identificada en base a súa funcionalidade como eixo significativo de comunicación non motorizada.

As obras consisten na execución dunha senda ao carón desta estrada de titularidade autonómica, entre as glorietas existentes para acceso ao polígono industrial A Matela, entre os puntos quilométricos 1+430 e 1+720, incluída unha pasarela sobre o ferrocarril. En paralelo á estrada existe unha vía de servizo que se atopa interrompida polo vía de ferrocarril, polo que este tramo de senda permitiría a continuidade para os peóns.

A senda terá unha lonxitude total de 245 metros pola marxe esquerda xa que evita cruces na calzada, e disporá dun ancho de 2 metros transitables, incluído o bordo, en parte sobre muros para evitar ocupacións excesivas en terreos colindantes. Nesta obra executaranse tamén os elementos de drenaxe necesarios para a correcta evacuación das augas. Na intervención se inclúe a incorporación dunha pasarela sobre o ferrocarril, adosada ao paso existente, dunha lonxitude de 16,6 metros e un ancho libre entre varandas de 2,15 metros.

As actuacións tamén inclúen a sinalización, tanto horizontal como vertical, que cómpre modificar trala execución das novas actuacións.