Atopan nunha mámoa de Outeiro de Rei un dos poucos ídolos documentados

María Guntín
maría guntín OUTEIRO DE REI / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Patrimonio dos Ancares

A tipoloxía destas construcións non é uniforme e teñen unha feitura antropomorfa

31 jul 2019 . Actualizado a las 12:35 h.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure documentaron catro novas mámoas con dolmen no concello de Outeiro de Rei. Unha estaba sen catalogar, e entre outros tres túmulos atopábase semienterrado un idoliño de máis ou menos 25 centímetros de altura.

Os ídolos atopados ata agora son moi escasos en Galicia e destacan, polo seu número, os do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. Tamén se atoparon nunha mámoa da necrópole megalítica da Mina da Parxubeira, en Mazaricos; na Cova da Moura, en Noia; na mámoa do Lameiro Novo, en Paradela; na de San Bieito, en Lobios; e na de Mamoalba, en Cercedo, segundo explican dende Patrimonio dos Ancares.

«A tipoloxía dos idoliños non é uniforme e amosan unha feitura antropomorfa. Neste de Outeiro de Rei apréciase claramente que foi traballado e estaba dentro dun dolmen», explica Xabier Moure, integrante do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

O idoliño estaba semienterrado, polo que aínda non se levaron a cabo os labores precisos para limpalo con instrumental adecuado e sen que se poida danar a súa superficie. No Neolítico, en Outeiro había unhas 180 mámoas, moitas con dolmens no interior. A maioría estaban abandonadas, incluído o túmulo 1 do Cordal de Acevedo, o único catalogado como ben de interese cultural pola Xunta. Patrimonio dos Ancares ten constancia de que 50 mámoas foron destruídas e, nos últimos tres anos, levan documentadas máis de 20.