A Casa-Museo de Outeiro convértese no corazón de Galicia con literatura e portas abertas

OUTEIRO DE REI

Ás 12.30 será o acto oficial da RAG e pola tarde haberá visitas guiadas de balde para todos

17 may 2016 . Actualizado a las 10:16 h.

12.30 e 16.30 horas. Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei).

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, converterase hoxe no corazón de Galicia. O centro acollerá esta mañá o acto oficial da Real Academia Galega (RAG) para render homenaxe ao poeta chairego e tamén terá unha xornada de portas abertas.

Ás 12.30 horas comezará a homenaxe oficial, coas intervencións de Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana.

Por outra banda, entre as 16.30 e as 19.30 horas, todo aquel que o desexe poderase achegar ata a Casa-Museo para disfrutar das visitas guiadas de balde que ofrece o centro, dirixidas a todo tipo de público.

Trátase dun xeito ameno de aproximarse, desde a casa onde naceu o poeta, á biografía de Manuel María, á súa obra e ás diferentes facetas deste escritor. A ruta combinarase ao longo da tarde con música, maxia, recitados poéticos, lecturas de textos, proxeccións audiovisuais, etc.

Desde a Casa-Museo convidan a todo o pobo galego a achegarse ata Outeiro de Rei para «festexar a vixencia da palabra poética e do exemplo ético dunha voz, a de Manuel María, que corresponde coa dun dos poetas galegos máis populares de todos os tempos».