¿Que facer coa torre de Taboi?

Xabier Moure (historiador) FIRMA INVITADA

OUTEIRO DE REI

Hispania Nostra meteu hai uns meses na súa lista vermella a Torre de Taboi, en Outeiro de Rei.
Hispania Nostra meteu hai uns meses na súa lista vermella a Torre de Taboi, en Outeiro de Rei. óscar cela

10 may 2016 . Actualizado a las 11:15 h.

Odía 7 de maio de 2016 entereime que na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) requiriu que a Xunta de Galicia intervira para garantir a conservación da Torre de Taboi, situada no concello de Outeiro de Rei, en grave risco de derrube. O Partido Popular (PP) opúxose porque, de facelo, saltaríanse «os mínimos principios de legalidade xurídica» xa que a protección do monumento, en mans privadas, é cousa dos seus propietarios.

Á vista da resposta, dedúcese que a Xunta de Galicia o único que pode facer ao respecto é mirar como a torre, do século XVI, se cae a cachos. Pero é así realmente? Coido que non, ao menos se queremos crer que as leis sobre o patrimonio valen para algo. Vexamos.

Por decreto de 22 de abril de 1949 do Ministerio de Educación Nacional, garantíase a protección dos castelos españois, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedando estes baixo a protección do Estado. Noutro decreto do ano 1963, protéxense tamén os escudos, pedras heráldicas, etcétera, cunha antigüidade de máis de cen anos. Alancando no tempo, a Lei do Patrimonio Histórico Español do ano 1985 mantén para as torres e castelos a máxima protección legal, é dicir, Ben de Interese Cultural.