«Todo o mundo ten algo de razón»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

O CORGO

ALBERTO LÓPEZ

O día 14 rematan 40 anos de Ferreiro dedicado á política local, 24 deles como alcalde: «Cheguei sen querelo»

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Ferreiro sempre foi unha persoa de carácter moderado, respectuosa e de consenso. O día 14 porá fin a 40 anos dedicados á política local, 16 como tenente de alcalde xunto a prezado Darío Díaz Castroverde e 24 como alcalde, primeiro pola morte do citado rexedor nun accidente de tráfico, e logo con amplas maiorías dos cidadáns. Hai catro anos xa estivo a punto de non presentarse, pero a dirección do partido pediulle un último esforzo. Agora, cos seus 75 anos -sería o máis veterano da provincia- decidiu dar un paso atrás.

-Por que nesta ocasión decidiu non repetir?

-Ía sendo hora e ademais a experiencia foi moi positiva. Son corenta, creo que tempo suficiente, e desde que decidín non repetir estou moi contento. Xa fun alcalde en querer en 1995, cando a dous meses das eleccións falece Darío Díaz nun tráxico accidente. Estivera con el 16 anos de tenente de alcalde e tiña previsto retirarme e dedicarme á empresa que tiña. El non paraba de insistir que volvese con el. Pero ocorreu o accidente e vinme obrigado a coller a alcaldía. Todos me dicían que tiña que seguir porque era a súa persoa de confianza.

-Foi o momento máis amargo que viviu na política

-Sen dúbida. Tiven sen sabores máis ou menos importantes, pero a morte de Darío foi moi forte e ademais colleume por sorpresa todo a poucos tempo das eleccións.

-E de que se sinte máis orgulloso?

-Pois 24 anos de alcalde un nunca se vai satisfeito de todo, seguro que se estivera outros 24 anos quedarían sempre cousas por facer. Pero estou contento por ter aprobado o PXOM, unha ferramenta que me deu algúns desgustos, porque non é fácil sacalo adiante. Do polígono industrial estou moi orgulloso. Temos unha boa área recreativa. Temos un centro de día en funcionamento. En breve abriremos a gardería. Gustaríame a ver conseguido vivendas sociais, pero xa digo, sempre hai materias pendentes.

as eleccións.

-Cal é o futuro do Corgo?

-Cando cheguei había 4.800 habitantes e agora estamos nos 3.500. A perda de poboación é un mal de todos, polo que O Corgo ten que apostar por factores que axuden a fixar poboación. A segunda fase do polígono industrial é unha oportunidade para crear empregos. O sector primario tamén debe ser clave. E o turismo, coa hostalería, ten que axudar a dinamizar o concello. O Corgo ten a sorte de estar ben comunicado e preto de Lugo, co que o seu carácter residencial tamén sería bo desenvolver.

-Que consello lle daría ao seu sucesor?

-Non farán falta. Felipe Labrada - (necesita o apoio dos dous edís de CS)- ten moita experiencia, estivo 20 anos comigo e sabe como están as cousas. Podes ter moitas titulacións, pero a experiencia é moi importante.

-A quen lle está máis agradecido na política?

-Estou a todos. Eu veño da UCD e sempre me gustou estar no centro, non irme a ningún estremo. E coa oposición sempre me gustou escoitar a todos. Creo que todo o mundo ten algo de razón.

Laxosa, O Corgo, 1944.

Perito mercantil. Dirixiu unha fábrica de elaboración de pensos e de venta de materiais de construción.

Tenente de alcalde desde 1979 e alcalde desde 1995.

«Eu veño da UCD e sempre me gustou estar no centro,

non irme a ningún estremo»

Este sábado será o seu último acto público, a homenaxe ao seu antecesor, Darío Díaz

Este sábado, día 8, ás 12.30 horas, José Antonio Ferreiro celebrará o seu último acto público antes de que o día 15 tome posesión a nova corporación. Nesa xornada descubriranse dúas placas de homenaxe a sendas figuras con historia no municipio. Por iniciativa do propio alcalde en funcións dedicarase unha avenida ao que fora o seu antecesor no cargo, o rexedor Darío Díaz Castroverde, falecido nun accidente de tráfico en 1995.

A avenida que levará o seu nome é precisamente unha rúa que abriu o Díaz cando era alcalde e que deu servizo ao centro de saúde. Trátase dunha vía que parte do monolito que lembra o accidente e regresa á N-VI. Desde hai pouco tempo conta con beirarrúas e que acabou sendo o centro da vila. Ferreiro lembra que Díaz Castroverde foi o impulsor das primeiras pavimentacións no municipio. Para o alcalde en función terá un significado especial xa que será como pechar unha etapa política de agradecemento a quen o levou na lista de 1979.

Domingo Fontán

A outra avenida, a proposta do edil do BNG, Mario Outeiro, será un tramo da N-VI que xa conta con beirarrúas e que se lle dedicará ao xeógrafo Domingo Fontán. Está documentado que este ilustre galego colleu como referencia a O Corgo para facer o seu famoso mapa do século XIX. Unha das referencias que tivo foi a legua dereita do Corgo, ademais de estar documentado que durmiu no municipio, na Casa Penala. Entre o 12 e 22 de setembro de 1828 Fontán mediu unha segunda base chamada do Corgo, a dúas leguas ao leste de Lugo na estrada xeral da cidade con Castela.