«Traballei duro porque había vidas en xogo»

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

O CORGO

A súa figura foi clave para que miles de lucenses saísen á rúa para reclamar os servizos que non tiña o HULA no 2013

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un bo número de enfermos de cancro da provincia ou de persoas que sofren un infarto xa non teñen que penar a diario ata hospitais da Coruña e Santiago. Hai catro anos, o HULA non dispoñía de Radioterapia (hoxe xa ten os dous aceleradores lineais en funcionamento), nin había Medicina Nuclear (desde o verán xa funciona), nin existía un servizo de Hemodinámica (hoxe hai un de oito da mañá a tres da tarde, aínda que falta un de 24 horas). Foi a Federación de Asociacións de Veciños a que liderou a toda unha sociedade para presionar á Xunta para que se creasen os servizos prometidos. Pero se houbo unha figura na que visibilizar todo o traballo que desenvolveron centenares de persoas, foi a de Miguel Ángel Corredoira.

-Como empezou todo?

- Foi nunha manifestación en xaneiro do 2013 diante do congreso do PP de Galicia. Eu nunca antes participara nunha manifestación, pero estaba como vicevoceiro da federación veciñal. Jesús Vázquez proponme ser o encargado da loxística, que no inicio era poñerse en contacto con asociacións, colexios profesionais, sindicatos, partidos, alcaldes... para explicarlles a nosas demandas e que tería repercusión nunha manifestación en xuño á que foron sete mil persoas.

-Que traballo fixo?

-Pois ademais das chamadas que dixen, facía un centenar cada día, encargueime, xunto con outros compañeiros, da cartelería, de repartir folletos, da megafonía polas rúas e de organizar charlas por toda a provincia.

-E logo veu o da ILP

-Si, porque vimos que tiñamos apoio da xente e non se daban pasos para ter os servizos. Comezamos o 4 de San Froilán e ata o 27 de Nadal recollemos máis de 41.000 sinaturas. Iamos porta por porta, de feira en feira, concello a concello... nada de redes sociais. Todo en persoa. Tocoume traballar, os 12 días de San Froilán, tres días ata a madrugada nas San Lucas, nas carreiras populares, en Ribadeo, en Riotorto... Todos firmaban. Lembro como Ramón González dicía: ‘Incrible como firma a xente’.

-E como lembra o día que foron ao Parlamento?

-Emocionante. Vicente Quiroga, a quen aprecio moito, defendeu a ILP, pero comezaron as enmendas, os cambios... alongar prazos. Por iso, tivemos que facer a segunda manifestación.

-Como a prepararon?

-Desta vez, ademais dos carteis, chamadas, megafonía... fixemos moitas charlas pola provincia cos médicos de Cardioloxía. Nós falabamos das reivindicacións e logo Juanatey, Ríos ou Testa falaban do infarto de miocardio e dos tempos de chegada ao hospital. Enchiamos o lugar a onde fomos, Lugo, Baralla, O Corgo, A Fonsagrada... Viamos que cada vez había máis sensibilización da xente e por iso nesa manifestación xa alcanzamos as 12.000 persoas.

-Tiveron presións por parte da xente do PP?

-Había xente na rúa que nos botaba en cara que si traballábamos en contra do PP e a favor do PSOE. Eu sempre lles dicía que ista era unha loita da federación veciñal e na que estaba invitado todo o mundo. Era un tema sanitario no que estabamos xogando vidas. Había vidas en xogo. Logo, co tempo, moitos militantes e votantes do PP foron ás manifestacións porque sabían que as reivindicacións eran xustas.

-Encargouse da ruta do cancro?

-Si, encargueime de toda a loxística. Antes da celebración, petei en varias portas de persoas con cancro para saber se estaban dispostas a participar. Houbo xente que non o entendeu, e outra, que desde o primeiro momento comprendeu a situación e axudou. Logo, o día que fixemos a primeira foi complexo, porque tivemos que mover uns trinta coches, buscar aparcamento na Coruña, a comida, con medios de toda España… A primeira que fixemos, á que veu Besteiro, foi cun veciño da Fonsagrada, José Mon, que aínda vive. Tiña que saír da casa ás 11.30 horas e regresaba ás 22.30 horas. Doce horas para recibir só cinco ou dez minutos de radioterapia. Tivo 30 sesións, 30 días, 10.000 quilómetros para menos de dúas horas de tratamento. E todo este periplo, el só, co seu problema que sempre afecta psicoloxicamente. Tremendo. Hai que vivilo.

-Fixeron outra co BNG

-Tacháronos de partidistas, pero teño que dicir que ás rutas foron invitados os do PP, incluso a Feijoo se lle enviou unha carta.

-Foi polémica a decisión de convocar unha manifestación a tres días das eleccións do 2015.

-E que pasaba o tempo e viamos que non se daban os pasos para arranxar os servizos que pediamos. A data da manifestación decidiuna unha asemblea da federación na que estaban representados case as 200 asociacións e colectivos que apoiaban a plataforma.

-E foi un éxito

-Total, creo que a maior da historia da democracia en Lugo, con case 17.000 persoas. Foi moi especial e emocionante.

-Como a organizaron?

-Instalamos unha haima na Rúa da Raíña e abrimos dúas tendas en Aguirre e Nova para informar, vender camisetas co lema «Que non che rouben o corazón». Non cobrabamos, cada un daba o que quería. Había xente que poñía 50 céntimos, e outros, 50 euros. Sacamos a furgoneta á rúa durante 32 días, lembrando as palabras de Feijoo sobre o HULA. Repartimos 25.000 octavillas, empapelamos os coches da cidade varios días ata a tres da madrugada. Puxemos uns 3.000 carteis. Seguimos coas charlas pola provincia e colocamos pancartas por toda a cidade na que diciamos «En Lugo está prohibido ter cancro».

-E hoxe, que sensación ten de todo aquilo que se fixo?

-Satisfacción, orgullo e eu persoalmente que me sacrifiquei moito polo ben de Lugo. Para facer o que fixen, tes que dedicarlle tempo, ter moitas ganas e crer moito no que fas.

«Acusáronnos de traballar para o PSOE pero ao final ata os do PP foron ás manifestacións»

«Houbo xente que non o entendeu, e outra, que comprendeu a situación»

«Para facer o que fixen, tes que ter moitas ganas e crer moito no que fas»