«A vida no campo é moi dura e non ten vacacións; pero aquí vivo da natureza e coa natureza»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

NEGUEIRA DE MUÑIZ

Raquel Díaz Barcia, con vacas da explotación familiar
Raquel Díaz Barcia, con vacas da explotación familiar CEDIDA

Raquel Díaz Barcia volveu vivir a Negueira de Muñiz, onde a familia ten unha explotación de gando vacún de carne

01 oct 2020 . Actualizado a las 18:22 h.

Raquel Díaz Barcia fixo unha viaxe de ida e volta. Marchou de Negueira de Muñiz, viviu en Xixón e na Coruña e volveu á terra de orixe. Seus pais tiñan vacas, e ela conserva esa actividade. Cambiou a cidade por unha aldea de dúas casas habitadas e de trazos que describe con satisfacción. «Tentamos superar o minifundio. Toda a vida nos levamos ben. Intercambiamos terreo: unhas veces gañan uns; outras veces, outros», di.

Unha parte dos xatos véndense a un carniceiro de Grandas de Salime, concello asturiano próximo a Negueira de Muñiz. Os que non leva o carniceiro cómpraos un tratante.

—Xa coñecía o campo, pois nel naceu e viviu. Foi duro volver e comezar outra vez?

—Non foi duro. De feito, vivindo na Coruña foron poucas as fins de semana nas que nos temos quedado alí. Ao meu marido e a min gústanos isto. A nosa é unha gandaría pequena, unhas 40 vacas. Ás veces penso que non sei por que temos volto; pero ao final creo que foi ben.

—Que gaña e que perde unha persoa que pasa de cidades de máis de 200.000 habitantes a unha aldea na que xa quedan poucas casas que teñan xente vivindo?

—Gaño paz; gaño erguerme pola mañá e non ver xente correndo pola rúa; gaño tranquilidade; gaño liberdade. Penso que non perdo nada. Quizais os fillos [ten dous] perdan a posibilidade de relacionarse con máis xente ou de ir a máis sitios; pero nunca nos reprocharon o feito de termos volto. Son moi aldeá: nunca me gustou moito a cidade.

—Unha persoa que coñeza o seu caso pode caer quizais nunha idealización da vida rural. É idílica esa vida?

—É moi dura. Non hai vacacións, nin alguén a quen lle poidas ir protestar. Se chove, tes que saír e mollarte. Pero aquí vivo da natureza e coa natureza. Se necesitas leña, hai que ir por ela. É unha forma de vida distinta: é difícil, é dura, é solitaria. O verán está ben; o inverno é triste: hai que saír cunha pa no coche por se hai neve.

—Cambiou o sistema de traballo co gando?

—O que se fai aquí non leva o certificado ecolóxico porque non ten penso ecolóxico. Fanse as cousas como se fixeron sempre. Houbo algúns cambios, pero tento usar produtos de fóra o menos posible: se podo comprar a menor cantidade posible de penso, fágoo así. Os pastos son extensivos. Procuro respectar os ritmos da natureza. Dá traballo, ollo; e os xatos páganse coma hai trinta anos, mentres todas as cousas subiron moito.