«A gotiña viaxeira», o libro infantil que surcou o río Navia ata chegar a Brasil

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ
O autor do conto, Toño Núñez,  e o ilustrador Miguel Anxo Macía.
O autor do conto, Toño Núñez, e o ilustrador Miguel Anxo Macía. REBECA FERNANDEZ

Este conto naviego acaba de traducirse ao portugués para levar a historia ao mercado brasileño

08 abr 2023 . Actualizado a las 18:44 h.

«A gotiña viaxeira» é un conto que ten por protagonista a Plis, unha gotiña de auga moi aventureira que viaxa por todo o mundo dende Navia de Suarna, a súa terra natal. Este relato, do naviego Toño Núñez, autor tamén da letra da canción complementaria e coordinador do proxecto, contou coa ilustración, entre outras, de Miguel Anxo Macía nun libro que foi editado inicialmente en galego por Edicións Fervenza no ano 2018 co obxectivo de dar a coñecer aos nenos o ciclo da auga na súa propia lingua.

Despois de chegar ás mans do lucense José Manuel López Morandeira, director de Océano Travesía, o libro foi publicado en castelán para comercializar en España e no resto de países de fala hispana; mesmo nos Estados Unidos.

Cinco anos máis tarde, o libro sae tamén en portugués do Brasil este ano para o mercado brasileiro, editado, igualmente, por Océano, e é que a «Gotiña viaxeira», como indica Toño Núñez, o seu autor, «precisa coñecer máis mundo». 

O obxectivo do autor é que a historia chegue ao maior número de persoas posible, xa que é un relato que pretende concienciar aos máis pequenos sobre o valor e o ciclo da auga. «Contar cunha nova tradución é todo un logro para nós, porque significa levar á gotiña a un maior número de nenos, así que estamos encantados», afirma.

O ciclo da auga a través da «Gotiña viaxeira»

Ademais de contar unha historia entretida, «A gotiña viaxeira» é un conto ó que se lle pode tirar un interesante aproveitamento didáctico, pois narra de forma amena a viaxe de Plis, unha gotiña viaxeira e moi simpática que deixa o mar, chega a unha praia e, dende alí, realiza unha longa viaxe pola atmosfera.

Despois de baixar das nubes, regresa, polo río Navia abaixo, ao mar. Xa que logo, a través da súa viaxe, Plis ensínalles ás nenas e aos nenos de maneira divertida o ciclo da auga. Pero este proxecto é máis ca un conto, porque tamén inclúe unha canción e un audiovisual, coa que os máis pequenos poden aprender mentres se divirten.

A canción foi interpretada por Iria Estévez e composta por Fran Muinelo do grupo Batital, que a gravou baixo a supervisión de Gonzo Piña; e o audiovisual é obra do fotógrafo Xosé Reigosa. Trátase así dun conto moi naviego e dun proxecto coral moi lugués que viaxa polo mundo da man desta gotiña viaxeira.