A Festa da Androlla volta con catro toneladas de embutido a Navia este domingo

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ
José Fernández, Pilar García Porto e Carmen Sánchez durante a presentación da festa.
José Fernández, Pilar García Porto e Carmen Sánchez durante a presentación da festa. CEDIDA

Esta festividade gastronómica, unha das máis arraigadas e consolidadas da provincia lucense, volta este domingo

17 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Navia de Suarna regresa coa tradicional Festa da Androlla por todo o alto o próximo domingo 19 de febreiro. Nesta trixésimo segunda edición da festividade, está prevista a venda de 4.000 quilos deste embutido.

O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas que se encargarán de poñer ritmo á celebración. Tamén pola mañá terá lugar unha proba de habilidades, polo de agora sorpresa, para animar aos veciños e visitantes a coñecer máis de preto a localidade e os seus produtos cárnicos.

A partir das 10.30 horas dará comezo a apertura dos stands, onde se poderán adquirir produtos típicos e artesanais, ademais da propia androlla, ao longo de todo o día.

Asimesmo, ás 13.00 horas do mediodía, haberá unha degustación de androlla na Praza da vila e, ás 15.00 horas, recuperarase o xantar oficial. A cita clausurarase ás 18.00 horas cunha actuación musical que despedirá a festividade ata o ano que vén.

Na presentación da festa naviega no Pazo de San marcos, á que acudiron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a propietaria de Embutidos Suarna, Carmen Sánchez, e o alcalde da localidade, José Fernández, tamén quixeron destacar a importancia desta festa gastronómica.

O alcalde, José Fernández, asegurou que a festividade «é unha das máis consolidadas a nivel gastronómico en toda a provincia de Lugo. Este produto é unha tradición naviega e unha forma de dar a coñecer a nosa vila a todas as persoas que se acheguen», afirmou.