O meu pai

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Meu pai naceu no ano 1921 na fermosa aldea de Melón de Abaixo, no concello de Esgos (Ourense). Era o cuarto de cinco irmáns, tres homes e dúas mulleres. Chegou a medir 182 centímetros, o cal o convertía nun dos homes máis altos do concello nun tempo no que a estatura non era precisamente o máis destacado dos galegos. A casa na que viviu os seus primeiros anos era economicamente humilde, e, sen pasar nunca fame, tampouco tivo a posibilidade de ningún tipo de luxo. Digamos que tivo unha infancia normal, coma a de calquera neno naqueles tempos.

Fixo o servizo militar cando lle correspondeu: xustamente despois da guerra, en cabalaría e na cidade de Lugo. Aqueles tres longos anos servíronlle para aprender o oficio que posteriormente desenvolveu na súa vida: o de albardeiro. Un oficio artesanal que daquela tiña unha extraordinaria demanda pola cantidade de animais que había e que eran absolutamente precisos para moitas das faenas cotiás e para os desprazamentos. Era un magnífico artesán do coiro, e facía por encargo todo o que lle pedían, cunha destreza que hipnotizaba. Comezou traballando con este oficio na súa terra e por toda a contorna, e despois de casar decidiu ir a Navia de Suarna, onde non daba feito todo o que lle demandaban. Logo de pasar tres anos por aquelas fermosas pero duras terras dos Ancares decidiu, en consenso con miña nai, viren vivir para A Coruña, onde tamén tiña unha gran demanda das pezas que fabricaba.

Aínda así, continuaba a acudir mensualmente ás máis importantes feiras dos lugares polos que xa pasara, como Navia ou Becerreá, e tamén Ibias ou Cangas de Narcea, xa na parte asturiana. Nos anos 70 do pasado século naquelas terras das montañas limítrofes con Asturias e León as comunicacións eran moi precarias. Meu pai falaba de nevadas impresionantes que cortaban toda comunicación normal posible, e a subsistencia, para a que en certo modo estaban preparados, era a prioridade por riba de todo. Contaba que nalgunha ocasión durmira, por estas circunstancias adversas, en pallozas, incluso con defuntos, por non ter posibilidade de sacalos do lugar. Eran tempos duros, e, se o miramos ben, non tan de lonxe.