Amparo quedará retratada para sempre no corazón de Navia

María Guntín
María Guntín NAVIA DE SUARNA / LA VOZ

NAVIA DE SUARNA

ALBERTO LÓPEZ

Esta súper avoa posa cunha bandexa de chulas e uns cascos nunha fachada da Avenida de Galicia

25 nov 2019 . Actualizado a las 21:14 h.

Amparo Pérez é unha súper avoa. E como tal, merece o seu mural. Unha familia da Avenida de Galicia de Navia decidiu encargarlle un mural a Joseba Muruzabal (Yoseba). Amparo tivo unha panadería fronte á fonte e era unha artista. Montouna no ano 1980 e o seu eran as chulas.

Desta obra de arte que leva o nome de A resposteira dos montes, destacan os cascos de música que rodean o pescozo de Amparo. Isto débese a que a ela, con 88 anos, cada vez lle gusta máis o baile e a música.

Esta obra de arte foi encargada polos irmáns de André López Gómez, outro artista que se dedicou a facer reloxos de pedra ou pendentes de acibeche, entre outras moitas cousas. Ademais, é o responsable de moitos dos letreiros de pedra que recollen o nome das casas próximas á praza de Navia. É tal a admiración por André, que hai unha petición en change.org que pide a creación dun museo-exposición dedicado á súa obra de Navia. O artesá firmaba as súas obras como André Navia porque todo o facía por homenaxear a súa localidade natal, sempre presente nel. Dedicábase á ourivería e, frecuentemente, facía traballos con lousa e grazas a el, moitas das casas de Navia de Suarna quedarán identificadas para sempre.

Yoseba fai arte, pero tamén lle gusta expresalo con palabras. No seu Facebook persoal decidiu contar como naceu a idea de retratar a Amparo ofrecéndolle chulas a un oso: «En Navia de Suarna el día empieza más tarde. Rodeado de montañas la niebla no levanta hasta las diez de la mañana. Tenía ganas de pintar un oso y era el único sitio de Galicia donde tenía sentido hacerlo, cuando Marina me ofrece la fachada de su casa, la idea surgió sola», escribe este artista.