Queixa dunha asociación de mulleres de Navia pola perda dunha subvención da Xunta

La Voz LUGO / LA VOZ
MANUEL

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Ledicia, do concello de Navia de Suarna, concentráronse o venres na capitalidade municipal para denuncia a perda dunha subvención da Consellería de Traballo. Foi debido, din, ao establecemento duns «baremos totalmente inalcanzables para esta ou calquera pequena asociación do rural da montaña».

O colectivo di que no 2007 «tivemos a sorte de podernos acoller á subvención para contratar unha traballadora e, ano tras ano, fomos cumprindo os requisitos esixidos». Engade: «Sempre esperabamos con ilusión a carta de aprobación da axuda. Era un posto de traballo neste concello e non só iso, era unha persoa para traballar por todas e todos e facer máis amena a vida nun territorio tan disperso, envellecido, tan deprimido e maltratado por parte da Administración (...). Este ano a ilusión truncouse dando paso a gran rabia e desilusión. Este ano creáronse uns baremos de puntuación totalmente inalcanzables (...)».

 Menos servizos

A asociación, formada a finais do 2005, destaca que o rural non é «interesante politicamente, pero socialmente si que o é, e moito; esta ía ser a lexislatura do rural, pero o certo é que cada vez temos menos servizos, e non é porque non se aumenten, é porque se nos vai privando dos que tiñamos antes. E non falamos de luxos, falamos de ter servizos médicos de garda ás dez da noite, a pesar de estar lonxe dos hospitais».