Unha histórica tenda estanco de Navia de Suarna queda orfa

lugo / LA VOZ
MANUEL

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das tendas históricas da provincia de Lugo que conserva o estilo dos anos corenta e cincuenta do século pasado está en Navia de Suarna. Chámase Casa Gerardo. Ademais de ser estanco é tamén un establecemento no que se poden mercar roupa, canas e cebos para pescar nos coutos naviegos e outra infinidade de cousas. Desde onte o establecemento quedou orfo porque morreu Víctor Fernández Fernández, unha das persoas vinculadas ao negocio xunto con algúns dos seus irmáns. Este home, que pasou boa parte da súa vida atendendo no establecemento, faleceu aos 88 anos. O enterro será hoxe á unha da tarde na igrexa parroquial da Proba de Navia.

Víctor formou parte dunha familia de seis irmáns que foron falecendo nos últimos anos. Onte na vila naviega lembraban con pesar como o día de San Xosé enterraron ao penúltimo que quedaba con vida. Os Fernández foron fillos do home que a finais dos anos vinte levantou un curioso edificio que está na avenida principal e en cuxo baixo segue a funcionar Casa Gerardo.