En Muras

XULIO XIZ

MURAS

08 ago 2024 . Actualizado a las 19:25 h.

Na homenaxe que Xermolos lle rendeu en Vilalba a Antía Cal, comenteille o máxico que para min era o lugar de Muras ao que estaba vencellada —casa dos seus avós maternos —, que hoxe proclama «Aquí criouse unha mociña que veu da Habana para coñecer a terra onde naceron os seus pais, os seus avós, e todas as súas xentes» Era o Mesón de Vázquez, onde paraba o coche dos Veiga que desde Vilalba me levaba cara a Ambosores nos meus veráns infantís. O mundo habitado remataba alí, e alí comezaba o misterio.

A maxia que para min tivo aquel lugar, volve con especial simbolismo coa exposición de Antón Beiras «A malla de Pascual, 1957», montada nunha palleira fronte ao antigo Mesón, coa que a familia Beiras Cal recupera un importante anaco da historia visual.

As fotos lembran tempos idos, persoas e labores que xa son historia, perfecta crónica redactada polo galeguista e oftalmólogo de referencia, que con Antía ? mestra e pedagoga ? formou un binomio querido e respectado por todos.

Hai que ir a Muras para ver a exposición, e vale a pena, especialmente para os que lembren os tempos da vella estrada que pasaba polo cruce e polo Mesón que desde tempo inmemorial era parada dos viaxeiros. É unha sorpresa moi grata ir pola vella estrada e de súpeto atopar unha palleira restaurada, con vistosa rotulación exterior, e pisar as vellas táboas do interior mentras contemplamos imaxes irrepetibles que seguen vivas no máis profundo de nós, e nos dan a mellor imaxe do que se pode facer para que a memoria —dos feitos e das persoas— siga viva, e o rural non morra de todo. En Muras: Sinal de Vida.