Manuel Requeijo, alcalde de Muras: «Este ano, como novidade, faremos unha observación de estrelas»

Félix Jorquera / L.l. LUGO / LA VOZ

MURAS

Manuel Requeijo
Manuel Requeijo ÓSCAR CELA

O concello celebra o sábado 22 a V Romaxe Artesá da Chaira, con música, xogos, obradoiros, artesanía e olladas ao ceo

20 may 2021 . Actualizado a las 12:25 h.

Muras celebra o sábado 22 a V Romaxe Artesá da Chaira. O alcalde, Manuel Requeijo, estivo en Voces de Lugo, de Radio Voz, para presentar a cita.

-Que novidades haberá?

-Este ano, como novidade, faremos unha observación de estrelas. É unha potencialidade que temos, unha fortaleza nosa como concello, e por ter feito ben as cousas. É certo que Muras non é un concello moi poboado, pero tivemos coidado cando se levou a luz pública aos núcleos, para que non emitise moita contaminación, con lámpadas led orientadas cara o chan. En Galicia só hai dous concellos que reunimos estes requisitos para contar co selo Starlight. Creo que o rural está volvendo con moita forza, e a pandemia, por desgraza, trae un cambio de mentalidade, e vese o rural como algo positivo.

-Que ofrece a cita do sábado?

-Vaise celebrar de xeito distinto a outros anos, e vanse manter os protocolos de seguridade: hidroxel, control de aforo, distancias... A xente pode estar tranquila e achegarse a Muras a gozar da romaxe. Polo resto, é o mesmo programa que o ano pasado. Ás 11.00 ponse en marcha na área recreativa da Veiga, e ao longo de todo o día haberá xogos tradicionais a cargo de Dinamo. Ás 12.00 abrirá a mostra de artesanía, ata as 19.00. Haberá obradoiros infantís de xoguetes e enxeño, con Enxógate, e outro para adultos, a cargo de Xaneco, para elaborar un pandeiro, neste caso, aportando 45 euros. Ás 16.00, concerto infantil coa Gramola Gominola; ás 18.00, actuación de títeres con Trécola; e ás 20.00, concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Ás 23.30 comeza a observación de estrelas no Viveiró. Esta é unha romaxe especialmente dirixida ás familias.