Darío Xohán Cabana, na Ulloa

MONTERROSO

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais do ano 2000, un neto e unha bisneta do señor Salustiano de Mercador triparon as trinta parroquias ulloáns que integran o concello de Monterroso. Seguían o camiño que o seu antepasado non deixaba de percorrer todos os primeiros de novembro: non se perdía unha Feira de Santos. O Mercador, chairego de Momán de Cospeito, tiña o oficio de bestilleiro, tratante de bestas segundo intúo, porque esa fermosa palabra, un agasallo do neto a quen andamos escasos de vocablos, nunca eu a oíra nin a atopei no dicionario. Os fillos de Salustiano, tamén bestilleiros, seica falaban con abraio admirativo «de cinco mil cabezas de cabalar e mular naquela portentosa feira, da que saían recuas e recuas de mulas e machos para León e Castela».

A historia cóntana a dúas voces o neto e a bisneta de Salustiano, o recordado Darío Xohán Cabana e a súa filla Alexandra Cabana Outeiro, nun libriño que gardo como ouro en pano: Monterroso na Ulloa. A que ía ser unha guía turística de Monterroso transformárona os dous ourives nunha xoia bibliográfica. En palabras do prologuista, Antonio Gato, daquela alcalde, da lámpada de Aladino abrollou «unha guía cultural, literaria, engaiolante para todo aquel que se achegue ás súas páxinas». Abofé.

Un clásico da literatura galega

Mais o que me interesa agora, aínda mancado pola perda do poeta amigo, é a confesión íntima: como un rapaz da Terra Chá, fillo de labradores e chamado a se converter nun clásico da literatura galega, tivo noticia e tomou contacto coa Ulloa. Foi ao través dunha cántiga popular que el nunca considerou patrimonio de Monterroso, nin sequera da Ulloa, senón de toda Galicia: «Se virade-lo que eu vin / na feira de Monterroso: / vintecinco xastres xuntos / dacabalo dun raposo...». Así o deixou dito: «... o máis vello dos autores desta guía oíuna por primeira vez na súa casa de San Miguel de Roás, na Terra Chá, haberá máis de corenta anos». É dicir, Darío tiña menos de nove anos cando escoitou, quizais de beizos do seu avó Salustiano e dos seus tíos bestilleiros, a primeira mención da feira e do topónimo anexo. E menos de cincuenta anos cando decidiu retomar, acompañado pola filla, a ruta dos seus devanceiros: «Así que collemos o camiño nosoutros tamén, para non perdermos a derradeira Feira de Santos do segundo milenio, nun día chuviñento e zoñón -escusado é dicilo neste teimoso inverno, balorenta bisagra entre dous séculos».

O día que presentamos Monterroso na Ulloa, Darío e Alexandra estamparon no meu exemplar unha dedicatoria que entendín como agarimoso reproche: «Pra Fernando Salgado, que tan guapas cousas dixo sen ter lido esto, e ogallá sexa capaz de repetilas despois de o ler». Xa o lin do dereito e do revés, benquerido Darío, e podo xurarche —eu que nunca xuro, ben o sabes— que, se algún valor tivesen para ti aquelas palabras, podo repetilas unha e mil veces. A mágoa é que ti xa non estás para compartilas. O consolo é que Alexandra si está para escoitalas.