Antas, Monterroso e Portomarín seguen co seu Servizo de Atención Temperá

la voz LUGO

MONTERROSO

O servizo está na Casa da Cultura de Antas de Ulla
O servizo está na Casa da Cultura de Antas de Ulla CEDIDA

A Xunta subvenciona con 106.000 euros a contratación de tres especialistas

26 abr 2021 . Actualizado a las 19:21 h.

A Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade publica hoxe no DOG a concesión de subvencións destinadas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para o ano 2021, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo, no marco operativo FSE Galicia 2014-2020.

Á Agrupación dos Concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso concédenlle 5.160 horas para cubrir o traballo de tres profesionais: unha logopeda, unha pedagoga e unha psicopedagoga ata o 31 de outubro de 2021, o que supón 1.720 horas por cada especialista. Para o desempeño da actividade  reciben unha subvención de 106.637,85 euros.

O servizo

O Servizo de Atención Temperá Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso ten a súa sede en Antas de Ulla, na Casa da Cultura, e atende de xeito gratuíto aos nenos e nenas residentes nos tres concellos de entre 0 e 6 anos, ás súas familias e ao seu contorno co obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil.

O servizo está na Casa da Cultura de Antas de Ulla
O servizo está na Casa da Cultura de Antas de Ulla

O equipo de atención temperá valora e diagnostica os trastornos do desenvolvemento dos nenos e nenas, proporciona apoio en todas as áreas do desenvolvemento: psicomotor, cognitivo, linguaxe e comunicación, autonomía, socialización e afectividade e ademais ofrece información, apoio e formación ás familias. 

É un servizo que se coordina cos recursos sanitarios, educativos e sociais da contorna do neno e a nena e da súa familia. Para asistir ao centro é necesario solicitar cita previa. O servizo funciona de luns a venres e o horario adáptase ás necesidades das familias.