Xogos e imaxinación para a terapia con reclusos da prisión de Monterroso

La Voz LUGO

MONTERROSO

«Saír por, por un intre» desenvolverase de outubro a xaneiro.
«Saír por, por un intre» desenvolverase de outubro a xaneiro. CEDIDA

O proxecto «Saír, por un intre» terá lugar entre outubro e xaneiro

27 mar 2021 . Actualizado a las 14:39 h.

A área de Cultura da Deputación colaborará co Centro Penitenciario de Monterroso no proxecto «Saír, por un intre», un obradoiro de teatro que se levará a cabo na Unidade Terapéutica e Educativa (UTE) da prisión. A vicepresidenta Maite Ferreiro, a actriz e responsable do proxecto Cristina Collazo, e Paula Polo, educadora social que desenvolve o Plan de Animación Sociolcultural do cárcere, explicaron que esta actividade comezou no 2016 na unidade terapeútica, un módulo específico no que se traballa coas persoas no abondono do consumo de drogas.

O obradoiro, que se desenvolverá de outubro a xaneiro, dúas horas á semana, xirará entorno ao xogo e á imaxinación, fomentando unha actitude positiva fronte á adversidade. «A pretensión non vai máis aló de pasar un momento agradable actuando e vendo actuar, gozando das posibilidades que o teatro nos ofrece e mergullándonos en nós mesmas para abrirnos aos demais. Cadaquén poderá elixir a función que quere realizar, dende interpretar, realizar traballos técnicos ou de atrezzo até dirixir», explicou Collazo.

Na actividade participarán profesionais doutras disciplinas, coma a música (coa participación do trompetista e compositor Manuel Paino) ou os títeres (da man do titiriteiro e actor lalinense Anxo García), para que a montaxe fique o máis completa posible tecendo así unha rede cultural e interdisciplinar. Está prevista tamén unha mostra final do espectáculo no salón teatro do centro penitenciario ao que acudirán os familiares dos internos.

Ferreiro valorou o proxecto, que «dá a oportunidade de incrementar o acceso á cultura para a poboación reclusa, con todo o que iso aporta ao desenvolvemento integral da persoa. Desde Vicepresidencia acreditamos na cultura como dereito, como ferramenta de transformación social, con capacidade para educar, xerar experiencias vitais gratificantes e establecer vínculos e canles de comunicación entre as persoas (...) O apoio a este proxecto responde a esa concepción da cultura e tamén ao compromiso que cremos que as administracións públicas debemos ter coas persoas internas, xa que non debemos esquecer que a finalidade das penas de privación de liberdade é reinserción e a reeducación», argumentou.

O proxecto enmárcase no Plan de Animación Sociocultural da prisión, que desenvolve a asociación Aliad Ultreia en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC.