Alcaldesa de Monterroso: «A cultura no pode parar, sempre que se tomen medidas sanitarias»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

MONTERROSO

Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso
Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso OSCAR CELA

Rocío Seijas explica que nas festas patronais haberá control de temperatura e de datos nas actividades e pide aos veciños responsabilidade nas comidas familiares

25 sep 2020 . Actualizado a las 12:05 h.

Monterroso celebra desde hoxe as festas na honra a San Miguel cun programa adaptado á situación da pandemia polo coronavirus que vivimos. Serán as primeiras festas que Rocío Seijas viva como rexedora, tras dous meses no cargo.

—Supoño que estiveron esperando ata o último momento para decidir se facían festas?

—Si, neste momento non temos casos de covid-19, salvo algún caso residual que veu de hai un mes, e como os veciños nos demandaban que se fixera algo polo San Miguel, decidimos facer un programa festivo adaptado á nova normalidade. Creo que a cultura non pode nin debe parar, sempre que se tomen as medidas sanitarias oportunas.

—Que no caso de Monterroso cales van a ser?

—No programa das festas prima a seguridade por riba de todo. Por exemplo nin haberá atraccións nin inchables. Haberá actividades en movemento, que xa non crearán aglomeracións, e as que son sentadas, fixemos dous espazos diferenciados. Por un lado na Cúpula para os adultos e por outro o Lorenzo Varela para os nenos e mozos. Nos dous haberá control de aforo, toma de temperatura, control de datos e hidroxel.

—Serán unhas festas máis locais que nunca?

—Están pensadas para que os monterrosinos o pasen ben e por iso non quixemos externalizar nada e evitar que veña xente de fóra. Os grupos que actúan ou son de Monterroso ou de concellos veciños, como Antas e Guntín. A xente pedía as festas, é normal, son as patronais, e non debería haber problemas se empregamos a máscara e aplicamos métodos de distanciamento social. O problema poden ser as comidas familiares. Pido a responsabilidades dos veciños, porque de nada serve que desde o Concello tomemos medidas se logo se incumpren. Hai que tomar conciencia entre todos.

—Hai cartos para facer festas?

—Este ano non se cobrou nada a hostalaría nin se pasaron cotas. O programa foi deseñado con aportacións do Xacobeo e da Deputación. Os cartos que aporta o Concello son pouco.

—Serán as súas primeiras festas como alcaldesa?

—E faime moita ilusión porque a pesares de non nacer aquí, desde nena sempre viñen ao San Miguel.

Un programa con música, maxia e teatro infantil

O programa das festas de San Miguel de Monterroso arrincan este sábado pola tarde, ás 17.00 horas, con Barafunda Teatro e a obra «Bambolina». Será no pavillón Lorenzo Varela. Ás 19.30 horas, na Cúpula, haberá un concerto de Candorka Trío, West Side Bones y Comando Curuxás.

As festas seguirán o domingo. Ás 12.30 horas haberá pasarrúas e concerto da Banda Municipal de Antas de Ulla, no auditorio municipal da Cúpula. Ás cinco da tarde haberá ilusións máxicas coa presenza do mago Xacobe, no pavillón Lorenzo Varela. E ás sete e media haberá novo concerto de Antas, na Cúpula.

E o programa das festas remata o martes 29, festivo local ao ser o día de San Miguel. Desde as 10.30 horas haberá pasarrúas coa charanga Centella. E ás 19.30 horas, no auditorio municipal da Cúpula, haberá un concerto da Banda Municipal de Guntín. Todas as actividades son gratuítas e haberá restricións polo covid-19.