Comando Curuxás, a banda que naceu nunha noite de festa

A formación, a medio camiño entre Monterroso e Santiso, presenta o seu primeiro disco

Alá polo 2017, nunha noite de festa na Casa do Outeiro, en Palas de Rei, tres amigos músicos (un de Monterroso e dous de Santiso) comezaron a darlle voltas á idea de dar vida a unha nova banda. A intención era poñer en marcha unha murga (formacións tradicionais que fan música para bailar), pero baixo un filtro de modernidade, con arranxos e harmonías actuais que conectaran máis se cabe co público. Daquela tronada de ideas naceu Comando Curuxás, un grupo que o vindeiro xoves, en Ligonde (Monterroso), presentará o seu primeiro disco.

«Curuxás era un guerrilleiro que estivo asentado moitos anos en Vilouriz, unha aldea de Toques situada na serra do Careón. Como a metade da banda era de Monterroso e a outra metade de Santiso, Toques quedábanos a medio camiño e Curuxás serviunos de referente», explica Serxo Núñez, un dos integrantes.

Comando Curuxás leva xa un par de anos rodando por salas e escenarios de Galicia, pero a pesar de que o proxecto sexa relativamente novo, os músicos que o integran acumulan horas e horas de concertos ás súas costas e grandes doses de talento.

Pablo Pardo, monterrosino, pasou por Linho do Cuco, o Conservatorio Folque de Lalín, ten acompañado a Agustín Sánchez e, ademais de ser mestre de Educación Musical, imparte aulas de música tradicional.

Miguel Anxo López, percusionista tamén de Monterroso, é musico profesional e ten participado en proxectos con xente como Pepe Vaamonde ou Candorka e é mestre de percusión tradicional. Serxo Núñez, de Santiso, é mestre de Educación Musical e integrante de formacións como Tiruleque ou os Viqueiras, nos que comparte tamén horas co seu irmán Alberte, acordeonista profesional que ten participado en diversos proxectos internacionais e docente de acordeón diatónico. Pablo Pascual, o último en sumarse ao proxecto, naceu na Cañiza e ademais de repartir as súas horas entre a ensinanza e a súa labor como luthier de clarinetes, ten unha longa traxectoria en distintas formacións entres as que se atopa Marful.

Con semellantes follas de servizo, Comando Curuxás estaba chamado a contar co favor do público, e nos últimos dous anos foi facendo máis visible a súa música festeira. Un son que lembra as antigas romarías, pero revisionado e no que instrumentos como o saxo soprano, o clarinete, a gaita ou o acordeón diatónico encaixan á perfección.

O primeiro disco

O pasado entroido, antes de que a pandemia do coronavirus dera ao traste coa vida cotiá, os cinco integrantes de Comando Curuxás decidiron meterse nun estudo de gravación e darlle vida ao primeiro traballo da banda. Recompilaron dez temas baixo a premisa de que foran bailables e conectaran co público, e pouco antes do confinamento convertérono en realidade. «Decidimos gravalo en directo, non por pistas, o que lle dá máis vida ás pezas, soan menos perfectas pero máis próximas para quen o escoita», explica Serxo.

A nosa aspiración é que a xente se divirta, que goce coa nosa música e que baile»

No seu primeiro traballo discográfico atópanse dende jotas a muiñeiras ás que lles introduciron arranxos, ata unha peza lixeira dun compositor italiano que popularizou Frank Sinatra e á que revisionaron para facela máis próxima. Un son pouco habitual neste tipo de formacións, pero que o público recibe coas orellas abertas. O resultado global é un traballo vitalista e que fai mover os pés. Xusto o que pretenden os músicos.

«A nosa aspiración é que a xente se divirta, que goce coa nosa música e que baile», describen. E vitalista tamén é o videoclip que rodaron hai uns días, no que fan gala de bo humor, retranca e artisteo.

 Este xoves, en Ligonde, en Monterroso, o público terá a primeira oportunidade para escoitalos dende que o coronavirus fixo acto de presenza. Participarán xunto con Altalaplana e o actor Carlos Blanco nun evento enmarcado no programa As Estrelas Camiño que comezará ás 21 horas. Alí presentarán o seu novo traballo e tentarán facer gozar a cantos se acheguen. Como lles gusta.

Votación
3 votos
Comentarios

Comando Curuxás, a banda que naceu nunha noite de festa