Ana Vila, unha gandeira poeta

Esta labrega de Taboada saca hoxe á venda o seu primeiro libro de poemas

Ana Vila, cunha das vacas da explotación gandeira que dirixe en Taboada e o poemario que escribiu, e que sae á venda hoxe.
Ana Vila, cunha das vacas da explotación gandeira que dirixe en Taboada e o poemario que escribiu, e que sae á venda hoxe.

lugo / la voz

Ana Vila Portomeñe dirixe e traballa de sol a sol co seu home unha explotación agrícola e gandeira, pero ademais atende a casa, coida con esmero de seus pais, que son anciáns e están enfermos; do fillo, que ten 10 anos..., e entre labor e labor encontra a inspiración para escribir poesía. A véspera da celebración do Día da Muller, que como cada 8 de marzo se conmemorará mañá, esta gandeira do lugar de Vila, na parroquia de Meixonfrío, en Taboada, sacará hoxe á venda o seu primeiro libro. Baixo o título Algo de mí con mucho de ti, a publicación recolle «algúns dos sentimentos e das palabras» que lle surxen cando se atopa diante dunha paisaxe determinada ou cando recorda algunha vivencia relacionada coa familia, os amigos, os animais... e mesmo co que significado que ten para ela Galicia, como explica a propia Ana, que está a piques de cumprir 46 anos. «Non son escritora, non busco nin unha rima nin unha métrica perfecta», comenta.

Unha páxina en Facebook

Aínda que ten unha páxina en Facebook dedicada a esta paixón (Poesía Ana Vila Autor), revela que prefire plasmar os versos que se lle ocorren nunhas libretiñas de papel. «Non son moito» de ordenadores e novas tecnoloxías, bromea esta emprendedora á que lle encanta a música, a literatura... «Desde o rock á música galega de sempre», subliña. Vila decidiu editar o poemario animada pola familia e os amigos, e especialmente «pola satisfacción» que lle deu ao seu pai cando lle comunicou que o ía facer. É por iso que a obra vai dedicada aos seus pais, Antonino e Emma.

Da impresión ocupouse La Voz de la Verdad, e da encadernación, Inés de Castro. «Fai unhas encadernacións artesanais magníficas», destaca Vila, que editou cos seus cartos 200 exemplares. «Non vou vivir da poesía, pero é un proxecto, un soño», conclúe. O libro poderase comprar desde hoxe a un prezo de 12 euros en varios establecementos da zona centro e sur da provincia. Estará dispoñible nas librerías Balmes e La Voz de la Verdad, en Lugo capital; Mago, Central e Vence, en Chantada; Arco Iris, en Taboada; D? Papel e Meiga, en Monterroso; e Paula en Antas de Ulla.

crónica inspiración para escribir versos entre os labores e o coidado da familia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Ana Vila, unha gandeira poeta