A Ruta de Clásicos do Cocido fará parada en Monterroso

A Escudería O Toxo, que promove o evento, deseña novas actuacións coma o rallye de regularidade para o 11 de xullo


lalín / la voz

Despois de tres anos percorrendo os distintos concellos da comarca dezá toca un cambio. A cuarta edición da Ruta de Clásicos do Cocido de Lalín, que se ven xestando dende a Escudería de Clásicos O Toxo, terá como destino Monterroso «e é que a comarca xa a temos mallada a estas alturas despois das rutas anteriores», salienta dende a secretaría da escudería lalinense Víctor Grande. Malia a iso, o xantar manterase en terras lalinenses, «xa que o mellor cocido séguese a facer aquí, segundo pensamos nós e tamén os que toman parte nesta actividade».

A ruta programada, para o 1 de marzo, comezará coa tradicional concentración de vehículos clásicos na Praza da Igrexa de Lalín ao fío das dez da mañán para de seguido emprender ruta cara ao concello veciño de Monterroso. «Xurdiu esta oportunidade de ir alí, eles se puxeron en contacto con nós, e pensamos que era factible xa que polas zona xa fixemos moitas rutas. Aproveitaremos o 1 de marzo, domingo, para ir ata a feira que alí se celebra onde degustaremos uns pinchos e onde nos van reservar unha zona para deixar os coches». Unha vez remate a estadía na vila os participantes voltarán cara a Lalín para dirixirse ao Mesón O Cruce de Vilatuxe onde comerán. «Compartiremos un cocido cuxo prezo será de 25 euros para socios e de 30 para os non asociados. O prazo para anotarse permanece aberto ata o vindeiro día 23». Unha ruta para a que se xa se están rexistrando as primeiras anotacións pero o groso, segundo Víctor Grandes, chegará seguro «na recta final, cando resten poucos días xa que sempre se espera a última hora». Os organizadores agardan nesta cuarta edición superar o volume de participación de anos anteriores. «Contamos ser entre 70 ou 80 persoas. O ano pasado fomos sesenta e sempre se vai medrando... Este ano tamén apostamos por abrir a ruta a toda a comunidade polo que pensamos que seremos máis. De todos os xeitos é pronto para sabelo e nós mesmos aínda acabamos de remitirlle as cartas aos socios».

Unha ruta de clásicos da escudería lalinense á que lle seguirá a súa participación na Feira dos Carballiños (Vilatuxe) para o mes de maio. «Iremos vestidos de época, coma en edicións anteriores, e levaremos os nosos coches, motos e autobuses antigos. Logo virá o rallye de regularidade o 11 de xullo, que terá novamente carácter solidario de axuda ás persoas que máis o están a precisar neste momento, e é unha actividade que supón ben traballo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A Ruta de Clásicos do Cocido fará parada en Monterroso