O grupo de amigos que conquistou o río Miño hai 40 anos: «Tivemos momentos dignos dunha película de Hollywood»
MEIRA
En 1985, cinco mozos galegos percorreron 317 quilometrós en canoas feitas por eles mesmos
25 abr 2026 . Actualizado a las 13:43 h.«Esta viaxe representa o verdadeiro significado da amizade. Eu estaba estudando fóra e tiña pouco contacto con eles, pero sempre contaron comigo para esta aventura». Así contaba o xornalista Rafa Cid, emocionado e cheo de orgullo, como foi a súa entrada nesta inusual e trepidante expedición polo río Miño, que levou a cabo un grupo de colegas hai máis de 40 anos. Estes amigos rememoran agora a súa xesta a través da exposición O río que nos move, unha compilación de imaxes da aventura que pode ser visitada ata o 28 de abril no Espazo Cultural O Centro, en Meira (Lugo). Nos meses posteriores, tamén pasará por Lugo cidade, Portomarín, Ourense, Castrelo de Miño, Tui, O Rosal e A Guarda.
Ao contrario do que poida parecer a primeira vista, isto non foi un plan que xurdise de forma espontánea. Estes mozos sentiron a chamada da natureza aos 13 anos. «Nós viviamos preto do Tamuxe —afluente do Miño— e provocábanos inquietude e curiosidade coñecer onde nacía o río. Sempre tivemos en mente ir ata alí algún día», comenta Xurxo Estévez, un dos integrantes da aventura. O grupo de amigos pasaría a súa adolescencia soñando coa posibilidade de facer unha travesía polo Miño.
Os primeiros pasos
O proxecto comezou a tomar forma anos despois, cando Xurxo regresou a casa despois de facer o servizo militar obrigatorio. «Fixen a mili en Madrid. Nunha librería da capital, tras unha busca intensiva, atopei uns planos con instrucións para construír unha canoa», relata Xurxo. Despois da adquisición dese documento, o equipo sumou a Suso Pena ás súas filas, que foi clave no porvir da misión. «Atopeime a Suso nunha festa e cando lle contei a movida quíxose apuntar. Collendo como base os planos que mercáramos en Madrid, fixemos uns novos que servisen para construír unha canoa acorde ás necesidades da nosa misión», indica Xurxo.
Ademais da súa axuda na elaboración do vehículo, Suso foi importantísimo para saber que ruta tomar. «Eu estudei náutica na Coruña. Conseguín uns mapas do río ao completo no departamento militar da cidade», explica Suso. Os documentos eran dos anos 40, polo que Suso tivo que actualizalos para coñecer con precisión a orografía e os obstáculos cos que o grupo se atoparía durante a viaxe.
Xurxo e Suso fabricaron a primeira canoa nun galiñeiro familiar situado en Pastoriza, que utilizaron coma estaleiro. «Foi un proceso moi rudimentario, de proba e erro. Achegábamonos a uns estaleiros pretos para pedir consellos e tras moitos esforzos construímos a nosa primeira embarcación», celebra Xurxo. A canoa pesaba uns 120 quilogramos e estaba feita completamente de madeira. «Era unha fortaleza. Fixemos unha proba de navegabilidade no Tamuxe e foi moi ben, aínda que era pesada e robusta», comentan os artesáns do vehículo. Finalmente, Suso non puido formar parte da expedición por temas de traballo.
Rafa Cid, Juanjo Otero, Carlos Carrera, Santos González e Xurxo Estévez integraban o equipo final. Un quinteto que, ante unha viaxe tan longa, precisaba de moitas provisións. «Tiñamos un orzamento limitado e non podíamos mirar en internet que cousas necesitabamos. Investigamos moito antes de partir, algo que nos viño ben para solucionar futuros problemas», reflexiona Carlos, quen sacou a maioría das fotos que hoxe se poden ver na exposición situada en Meira.
Esa mesma parroquia foi o punto elixido para arrancar a expedición. «Compramos comida nunha panadería que segue aberta a día de hoxe», recorda Rafa. Os cinco colegas saíron desde o Pedregal de Irimia, lugar ao que chegaron en coches cargados con provisións no seu interior e coas canoas.
Á conquista do Miño
Din que os comezos nunca son doados e, nesta travesía, non foi distinto. «O caudal era ínfimo. Estaba todo cheo de herba e cicuta, así que tivemos que usar os nosos remos para abrirnos paso, coma quen usa unha fouce. Estivemos oito quilómetros facendo isto», conta entre risas Rafa. Esta dificultade atrasou a progresión que esperaban ter durante as primeiras xornadas, ao que se sumou o cansancio que supoñía sachar toda esa vexetación. «Rematamos rebentados. Menos mal que tiñamos 20 anos e estabamos en forma», aclara Xurxo. O certo é que os nosos protagonistas coidábanse, feito que demostraron en forma de anécdota. «A chegada a Lugo coincidiu co aniversario de Juanjo, e paramos nun bar de Lugo a celebralo. Pedimos tres tortillas de patacas e cinco vasos de leite. O camareiro nomeounos como os tipos máis raros que vira nunca», rememora Rafa.
Infinitas horas de travesía, fotos, e algún que outro amago de afogar na auga precederon a chegada da expedición a Ourense. Rafa, que escribiu un diario de a bordo durante a viaxe, aproveitou a parada para visitar o seu antigo lugar de traballo: a delegación ourensá de La Voz de Galicia. Foi recibido polos seus antigos compañeiros con sorpresa: «Cheguei alí vestido co chaleco que levaba posto na canoa. O delegado facilitoume unha máquina de escribir e redactei unha crónica sobre a aventura», explica.
O grupo saíu da cidade con destino a Tui, un tramo que lles deparou varias das peores horas do viaxe. «Tivemos momentos dignos de Hollywood. Lembro cando o persoal da presa de Frieira nos advertiu con moita insistencia sobre as correntes. «Tede coidado que o río vai moi rápido por aquí». Foi algo que recordamos despois de naufragar en repetidas ocasións nesa zona», explica Rafa.
Estes traballadores da presa non foron as únicas personaxes secundarias que o equipo atopou ao longo da travesía. Rafa e compañía recordan con cariño a moitas persoas que, ao contarlle o seu plan, axudáronlles con provisións: «Ao comezo da viaxe, unha muller chamada Cecilia regalounos cinco quilos de fariña e ensinounos a preparar papas de fariña, que acabaron sendo o noso principal sustento. Un viticultor en Os Peares invitounos a viño, o que tendo en conta a calor que facía ese día e que tiñamos o estómago baleiro, non resultou nunha boa idea». Falan tamén sobre un señor ao que lle deron un susto de morte durante unha das súas acampadas. «Puxemos as tendas nunha zona preto de Pastoriza, nun campo onde un dos veciños pastoreaba as vacas. A única vez que ese home vira ese tipo de campamentos foi na Guerra Civil, polo que podes imaxinar que se lle pasou pola cabeza», narra Rafa.
Tras dez días de esforzo e 317 quilómetros percorridos en canoa, o grupo chegou ao seu destino, cumprindo así o seu soño de ver o lugar de nacemento do río Miño. Este foi un momento de profunda realización persoal para cada un deles, algo que nunca esquecerían. Non obstante, a vida non paraba. «Para poñer comida na mesa, ao día seguinte tivemos que ir ao traballo, non había posibilidade de faltar», conta Xurxo.
Rafa Cid, que foi o gran promotor da idea, remata falando sobre os seus obxectivos a curto e longo prazo: «En cada lugar que visitemos coa exposición, varios expertos participarán en coloquios sobre o estado das zonas nas que estivemos durante a viaxe. Tamén, teño planeado lanzar un libro o ano que vén sobre a nosa aventura, na que a temática principal sexa a incrible amizade que compartimos».