O instituto de Meira pon un pé en Europa co programa Erasmus: «Queremos darlles aos alumnos a oportunidade de abrirse ao mundo»
MEIRA
O IES Pedregal de Irimia, de 163 alumnos, abre portas á mobilidade internacional, a pesar de todas as barreiras existentes, tanto a nivel económico como xeográficas
08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Que tan común pode resultar que un centro educativo rural, de tan só 163 alumnos, conte cunha acreditación Erasmus? Pois isto é o que acontece no IES Pedregal de Irimia, un pequeno instituto situado no concello de Meira, a corenta quilómetros da cidade de Lugo. Para poder coñecer a historia deste gran logro por completo, toca viaxar ata o ano 2006. Naquel entón, Roberto Núñez era o encargado de impartir a materia de Inglés e, por iniciativa propia, decidiu iniciar os trámites para facer un posible «Comenius» —similar ao Erasmus+—, pero tras fallar un socio, non o puido levar a cabo.
Despois deste intento falido, Roberto estivo uns anos exercendo a docencia en Estados Unidos e Canadá, pero cando retornou a Meira tiña un obxectivo claro: «El quería darlles aos alumnos de Meira a oportunidade de saír da súa contorna, coñecer Europa e abrirse ao mundo», explica Mari Luz, actual profesora de Inglés e coordinadora do Erasmus+.
Unha vez que a proposta foi ben acollida polo equipo directivo do centro, deu inicio a busca de posibles socios. Unha tarefa nada sinxela tendo en conta a localización do instituto e o custo económico que supoñen todos os traslados para chegar ata este pobo e para eles poderse mover polo resto de Europa. Un problema que podía traer consigo que ata algúns posibles colaboradores acabaran botándose atrás. É máis, Mari Luz comenta que as políticas do Erasmus+ tampouco son «moi xustas». «A dotación para as viaxes calcúlase cunha medición de distancia en liña recta e que vai por tramos de 1.000 quilómetros. Con este método, o presuposto para unha viaxe pode ser o mesmo vivindo en Meira ca en Santiago ou en Madrid. Vivir no rural lonxe dun aeroporto encarece moito o desprazamento e o transporte consume unha parte moi importante da dotación económica», explica.
Culturas mesturadas
A pesar de todas estas barreiras, o IES Pedregal de Irimia puido seguir adiante e lograr o seu gran obxectivo no 2019, cando deu comezo o proxecto Umbrella, o cal se centraba no cambio climático. Nel participaron seis institutos de cinco países diferentes, moitas culturas mesturadas que trouxeron consigo divertidas anécdotas. «Unha tarde fomos andando ata o Pedregal, onde nace o río Miño. Alí cerca había un prado con vacas e unha delas achegouse á entrada. Creo que se converteu no animal máis fotografado do día. Había xente que nunca vira unha vaca de cerca na súa vida e subían as fotos ás súas contas de Instagram coma se dun animal exótico se tratara», lembra a coordinadora.
Este proxecto tivo como data de caducidade o curso 2021-22, un final que ningún dos seus estudantes quería que chegase polo medo de non poder volver a vivir esta experiencia ou de nunca chegar a participar nun proxecto destas características. «O alumnado demandaba máis proxectos de Erasmus+. Por isto, en febreiro do 2023, solicitamos un proxecto KA 122 —mobilidade de curta duración para organización sen acreditación Erasmus+—. Foi concedido, pero en outubro dese mesmo ano, o alumnado seguía a pedir máis e máis. Isto levounos a presentar o noso traballo para lograr obter a acreditación Erasmus+», explica Mari Luz. Nesta convocatoria lograron obter unha cualificación de 89 puntos sobre 100, sendo a puntuación máis alta de toda Galicia.
Na actualidade, ao contar con esta acreditación, facilítalles o proceso para obter novos proxectos. Durante este curso están traballando cun centro de Illa de Rodas (Grecia). Por outro lado, estes proxectos xa non só están enfocados para os propios alumnos, senón que tamén lograron a posibilidade para que os docentes poidan realizar job shadows: «O ano pasado enviamos unha profesora a Portugal e outra a Islandia. Este curso vanse ir dúas a Italia».
Nunha cara da moeda está Alba Díaz, alumna de segundo de bacharelato, quen durante o curso pasado viviu a experiencia de residir nunha residencia estudantil unha semana en Romanía. Alba comenta que, durante esta estadía, deuse conta de que a linguaxe non é unha barreira se non queres que o sexa: «Aínda que ás veces non coñezamos vocabulario para expresarnos, se as dúas persoas queren entenderse, non precisan palabras, xa que existen valores ou sentimentos universais que todos entendemos».
Na outra cara está Noa Gómez Piñeiro, alumna de primeiro, quen está por realizar o seu primeiro Erasmus+. Un dos seus principais motivos para participar é poder vivir durante unha semana cunha familia doutro país. «Creo que é unha maneira idónea de ter a oportunidade de mergullarme de cheo noutra cultura. Evidentemente, outro dos meus obxectivos é mellorar o meu nivel de inglés, pero creo que hai outras alternativas que o permiten facer sen necesidade de realizar esta viaxe», comenta. Non obstante, a pesar da súa temperá idade, é moi consciente do «afortunada que é» por poder aproveitar esta oportunidade que lle ofrece un centro rural como o IES Pedregal de Irimia: «É algo que debemos valorar moi positivamente e aproveitar ao máximo. Non todo o mundo ten a ocasión de experimentar algo así e, sen dúbida, supón unha gran honra pola nosa parte ter a ocasión de formar parte desta aventura».