Meira lembrará ao poeta Avelino Díaz nos 125 anos do seu nacemento

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

MEIRA

A Asociación Cultural Avelino Díaz leva anos pedindo que ao poeta se lle dedique o Día das Letras Galegas
A Asociación Cultural Avelino Díaz leva anos pedindo que ao poeta se lle dedique o Día das Letras Galegas CEDIDA

A asociación que leva o nome do poeta organiza os actos

19 nov 2022 . Actualizado a las 16:42 h.

Avelino Díaz será lembrado polos 125 anos do seu nacemento. O poeta naceu na Órrea (Riotorto) en 1897 e morreu en Bos Aires en 1971. En Meira viviu en varias etapas da súa vida, e a vila xa lle ten dedicado lembranzas e homenaxes.

O primeiro acto terá lugar en Lugo o día 25 (salón de actos da Deputación, 19 horas), coa presentación do libro «Avelino Díaz, unha voz comprometida na Galicia emigrante», de Marivel Freire, e do libro-guía «Andainas con Avelino Díaz», de Isabel Pin. As actuacións de Azucena Gavín e de Mero Iglesias completarán o programa.

Para o 3 de decembro está previsto, se o tempo o permite, un percorrido por Meira e arredores, preparado co título «Andainas con Avelino Díaz». Logo (19 horas) habérá un pasarrúas e unha polavila no cabanón do Convento, coa intervención de varios grupos. A Quenlla actuará (23 horas) para pechar a xornada.

O 10 de decembro (Casa do Concello, 12 horas) o profesor César Camoira ofrecerá unha conferencia, «Como interpetamos a Avelino Díaz?».

O poeta desenvolveu a súa traxectoria poética na emigración. A asociación que leva o seu nome, organizadora destes actos, está a loitar dende hai anos para que Avelino Díaz chegue a ser protagonista dun Día das Letras Galegas. Díaz emigrou a América sendo un rapaz, volveu a Galicia anos despois, viviu en Meira e volveu marchar a América, primeiro a Cuba e despois a Arxentina.

Na outra beira do Atlántico pasou o resto da súa vida e está enterrado en Bos Aires. O seu primeiro libro, «Flor de retama» está escrito en castelán, pero logo publicou en galego «Debezos» e «Pallaregas».