Vilaxoán e O Grove, últimas paradas antes do Territorial de bateis

MEIRA

Martina Miser

A Bandeira Porto de Vilagarcía abrirá mañá tres días de regatas no sur da ría

31 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás catro da tarde, o peirao de Vilaxoán recuperará o pulso da competición mariñeira máis popular. Cunha ducia de clubs da provincia de Pontevedra máis Rianxo e Cabo de Cruz disputando a decimocuarta edición da Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía. Unha cita suspendida un ano atrás polo estalido da pandemia e o confinamento domiciliario asociado, e que iniciará a recta final cara a disputa do Campionato Territorial Sur da vindeira semana en Meira, Moaña, precedido xa só tras a regata de Vilaxoán polas bandeiras grovenses Lavanova, o sábado organizada polo C.R. Mecos, e Amegrove, que o club do mesmo nome ultima para este domingo.

Presentada na mañá de onte nas dependencias da Autoridad Portuaria de Vilagarcía, co seu presidente, José Manuel Cores Tourís, como anfitrión, a Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía será a sétima proba do calendario da Territorial Sur, recortado varias semanas respecto ao seu tradicional inicio no mes de febreiro e con inicio este ano o pasado día 6, en Cangas. Mantéñense as cinco categorías femininas e masculinas: alevín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta.

Noutra orde de cousas, a Liga Galega de Traíñas vén de aprobar esta semana o calendario da súa tempada 2021. Unha Liga que comezará o 26 de xuño coa Bandeira Muros de San Pedro e rematará o 29 de agosto co Teresa Herrera, coa Bandeira Concello de Vilagarcía fixada o domingo 25 de xullo e a Bandeira Concello do Grove o domingo 1 de agosto.