A agroinfluencer dos 46.000 seguidores: «Cóntannos que podemos ser enfermeiras, pero non que podemos vivir do monte»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

MEIRA

Óscar Cela

A lucense Laura Vallejo, de 26 anos, divulga o seu traballo como técnico forestal a través das redes sociais e ata fai titoriais sobre como usar a maquinaria

15 mar 2021 . Actualizado a las 10:23 h.

Laura Vallejo naceu en Cabana, a carón do Pedregal de Irimia (Meira). Aos 26 anos, é unha das poucas mulleres que son operarias forestais en Galicia, paixón á que se dedica de xeito profesional dende hai dous anos. Móvese entre o monte e a granxa de leite de seus pais e ademais, a través de redes sociais divulga o seu traballo e ata ofrece titoriais de como usar a maquinaria.

—Como comezou neste gremio?

—Hai catro anos o meu comezou meu rapaz nisto. Eu fun integrándome pouco a pouco e profesionalmente, podemos dicir que me incorporei hai dous anos.

—Ten máis de 46.000 seguidores entre Instagram e Tik Tok.

—É incrible porque comecei en Instagram hai dous anos e medio. Daquela estaba en 2.000 seguidores e agora, teño máis de 16.000. En Tik Tok, en apenas uns meses conseguín 23.000 followers.

—É fanática das redes sociais?

—Gústame ensinar o traballo que fago e fago colaboracións comerciais ata con empresas de Suecia. Agora mesmo estou traballando con varias marcas que me patrocinan.

—Diría que ten dous empregos?

—As redes sociais son un traballo para min, teño que organizar axendas, facer entrevistas... Ocúpanme moitas horas. Comprobar que o que fago lle interesa á xente é un gusto.

—Considérase influencer?

—A min cando me falaban de influencer pensaba que era xente que se dedicaba á moda e que acumulaba centos de miles de seguidores, nunca pensei que podería haber alguén así a nivel rural, por dicilo dalgún xeito.

—É das poucas operarias forestais de galicia

—Hai poucas mulleres que traballen con máquinas. Eu creo que non chegamos a ser doce en toda Galicia.

—A que o achaca?

—As mulleres sempre estivemos algo apartadas. Cando temos 16 ou 17 anos ofrécennos ser enfermeiras ou avogadas, pero ninguén conta que é posible ter unha granxa ou vir ao monte cortar madeira. Isto é algo sobre o que hai que traballar.

—Precisa de moita forza?

—Para traballar ca motoserra necesitas forza, pero sopórtala perfectamente se tes unha boa condición física. Para as máquinas, o que precisas son coñecementos.

—Onde traballa?

—Traballamos para unha empresa que é a que realiza as compras da madeira. Movémonos pola provincia de Lugo, pola de Coruña e pola de Pontevedra. Tamén realizamos traballos forestais noutras zonas de España.

—Como é o seu día a día?

—Levantámonos moi cedo, sobre as seis da mañá. A loxística dos camións comeza sobre as oito, polo que nos ten que dar tempo a desprazarnos ata o lugar. Botamos todo o día no monte e facemos vida nel, ata que se fai noite. Ao chegar ao lugar de traballo, seleccionamos a parcela na que imos traballar e facemos a corta das árbores. Despois, sacámola.

—Traballar ao aire libre é un luxo, pero tamén é duro.

—Nós somos autónomos, temos un traballo dinámico e ao aire libre. A min gústame o campo, nacín nunha granxa, polo que isto non foi unha novidade para min. Cando estaba na cidade, a min o que me gustaba era chegar a casa e coller o tractor. Para min estar no monte non é traballar.

—Como vos afectou o peche dos bares?

—Pois traemos os coches a tope para poder comer e pasar o día. Agora parece que todo transcorre con algo máis de normalidade.

—Baixou o ritmo de traballo?

—O sector sufriu uns cambios moi importantes. Dentro do malo, estamos bastante ben porque aínda que coa pandemia baixou o ritmo de traballo, considérannos actividade esencial. Un problema que vemos é que hai xente que ás veces nos criminaliza, por dicilo dalgún xeito. Din que destruímos os camiños, pero realmente é moi complicado traballar en determinadas condicións e tratamos de facelo da mellor forma posible.

—O de cobrar por tonelada extraída, que lle parece?

—É un pouco inxusto porque en todos os concellos de Galicia se opta por un tema de avales, desenvolvamos diñeiro nos sitios nos que se vai facer unha explotación forestal. En Meira imos máis aló porque o propietario ten a obriga de pagar 60 céntimos por tonelada só pola extracción da madeira e a maiores.