Comeza a instalación de luces de baixo consumo en 38 concellos a través do Plan Ilumin@ da Deputación

la voz LUGO

MEIRA

Cambio de luminarias en Baltar, Begonte
Cambio de luminarias en Baltar, Begonte

Os traballos xa están moi avanzados nos municipios de Baralla, Cospeito, Láncara, Begonte e Castro de Rei e no resto están a piques de comezar

20 feb 2021 . Actualizado a las 16:31 h.

A Deputación de Lugo xa comezou a substituír as luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED de baixo consumo nos 38 concellos da provincia adheridos ao plan de aforro enerxético ILUMIN@. En concreto, os traballos xa están moi avanzados nos municipios de Baralla, Cospeito, Láncara, Begonte e Castro de Rei e no resto están a piques de comezar, logo de rematar esta semana todas as accións da primeira fase de supervisión de instalacións técnicas municipais. 

No caso de Baralla estase acometendo a renovación enerxética do alumeado público de Sobrado de Picato, onde se renovan 36 puntos de luz cun investimento de máis de 14.000€. Isto suporá un aforro de consumo de enerxía eléctrica do 52%, segundo refiren os informes técnicos.Pola súa banda, en Cospeito o Ilumin@ está mellorando o alumeado público no núcleo de Xustas. Renóvanse 58 puntos de luz cun investimento de preto de 19.000€. Neste caso, o aforro enerxético será do 72% con respecto á actual instalación. 

Onde tamén están moi avanzados os traballos é na localidade de Láncara. O obxectivo neste lugar é renovar a instalación do alumeado público de San Pedro e da Área Recreativa. Cámbianse 33 puntos de luz cun investimento de máis de 15.500€, o que suporá un aforro enerxético do 56% nas instalacións nas que se actúa.