«Nós seguimos traballando porque o rural non para, onte ás dúas da mañá estaba parindo unha ovella»

María Guntín
m. guntín MEIRA / LA VOZ

MEIRA

OSCAR CELA

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Joan Alibés é técnico gandeiro e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF). O primeiro que comenta nun dos días de confinamento e dende unha das súas parcelas en Meira é que está desbordado de traballo e ata «algo cabreado ca xente que non ten que facer», di entre risas pero, á vez, moi seriamente. O rural non para, e el sábeo ben. Agora é época de cría e nacéronlle varios años nos últimos días. Ten unhas 300 ovellas repartidas en catro fincas. Ademais, están protexidas por cinco mastíns que se encargan de impedir que penetre algún animal salvaxe nas parcelas.

«Onte, ás dúas da mañá estaba atendendo o parto dunha ovella. Estamos no pico agora mesmo, e despois chegará unha segunda tanda», comenta.

«Ao principio vimos que todo estaba paralizado, pero nós seguimos preparando as PAC para ir adiantando traballo», explica, xa que el e a súa muller tamén se dedican ao asesoramento gandeiro. Todo o fan por teléfono, posto que coñecen ben a situación dos seus clientes.

En canto ao tema económico, Joan admite que, polo momento, non está especialmente afectado pola crise sanitaria. Pero tamén explica que está á espera posto que, no verán, época de festas, podería baixar o consumo de cordeiro, algo que si lle afectaría directamente. «Consumirase menos cordeiro. Ademais, aquí estamos moi influídos por Castela e sabemos tamén que o consumo deste tipo de carne prodúcese máis cara ao verán».