Días de esperanza e de confianza

Miguel Asorey EN PRIMEIRA PERSOA

MEIRA

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por unha banda estes días son para min xornadas de paz: podo rezar, reflexionar… A costume das presas quedou agora entre parénteses. Con que pouco nos cambia a vida! Ademais eu teño a sorte de gozar da compaña de miña nai, coa que vivo regularmente aínda que inconscientemente non sempre souben darlle a atención que merece.

Pero ao mesmo tempo, son días de incerteza e certo medo. As noticias nunca parecen ser boas e lémbrome moito das persoas que sofren e daquelas que están a morrer soas sen poder recibir a caricia de ninguén.

A pesar de todo, a esperanza sostén cada minuto. Os cristiáns sabemos que a nosa vida e a historia enteira están nas mans de Aquel que o pode todo. Se nada se lle escapa, por que ter medo? Toda xornada dun sacerdote xira en torno á celebración da santa misa e do rezo da liturxia das horas e iso nunca me falta.

E nestes días, ademais, ás doce da mañá, como pediu o noso bispo, toco as campás da igrexa para animar a tódolos cristiáns a rezar o ánxelus. E logo volvo facelas soar ás oito da tarde para manifestar, como un aplauso, o agradecemento da parroquia para con aquelas persoas que están a traballar por todos nós.

Tamén, aínda que isto non é extraordinario, procuro estar en contacto cos sacerdotes da nosa diocese. Canto admiro aos cregos maiores que, a pesar de todo, levan isto cunha forza e cunha tranquilidade admirables! E, por suposto, sigo acompañando o labor de Cáritas: seguimos axudando, en colaboración co Concello, ás familias en situación de precariedade. Como dixo o noso bispo: «a caridade nunca pecha!

Certo que me preocupa o mesmo que a toda a sociedade: como vai a discorrer este virus, como nos vai afectar e como o podemos afrontar, sans ou enfermos. Pero, en todo caso, a Deus grazas, non perdo a esperanza nin a confianza.

Son estes días difíciles, tanto en Meira coma noutros lugares, pero estou convencido de que os superaremos coa axuda de Deus. E a igrexa de Meira volverá ser lugar de encontro cristián.