Que alternativas de ocio ofrece Lugo este domingo?

Ana L. Cillero / X. M. P. LUGO / LA VOZ

MEIRA

ALBERTO LÓPEZ

Continúa a festa en Parga e remata en Rábade, mallan en Meira, en Becerreá hai música dos Ancares e nas Nogais volven a 1900

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe os concellos de Lugo teñen o protagonismo. En Guitiriz, Parga segue a celebrar as súas festas de San Roque. Ás 13.00 horas hai misa solemne na honra a San Roque e sesión vermú e verbena co grupo Kalima e a orquestra Fania Blanco Show. Interromperase a verbena para a tradicional tirada de fogos artificiais e de río.

Por outro lado, o concello de Rábade pecha hoxe as súas festas tradicionais coa xa popular festa da bicicleta. A mediodía haberá dianas e alboradas para dar paso á misa solemne no campo da feira ás 13.30 horas. Na sesión vermú a música corre a cargo da orquestra La Favorita. Na praza, ás 18.00 horas arranca a festa da bici, onde tamén haberá sorteo de agasallos e chocolate con churros. Ás 20.00 horas ten lugar un festival de bandas, onde participan a Banda Ateneo Musical da Pobra do Caramiñal e Soños de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. As festas rematarán ás 23.00 horas cunha verbena coa orquestra La Favorita.

Meira, despois das súas festas patronais, acolle a tradicional festa da malla, que xa leva vinte e oito edicións. Está considerada unha festa de interese turístico en Galicia e nela actuarán a Asociación Cultural 25 Xastres, o grupo de folk Leirabuxo, Nove Ferreñas, Trío Muralla, Banda de Música de Meira, Banda de Gaitas da Escola de Música de Meira e a Banda de Acordeóns. Ademais, tamén haberá actividades e xogos para nenos xunto cunha exposición de artesanía e maquinaria antiga.

O Festival Musical dos Ancares arranca ás 18.00 horas en Becerreá, na Casa da Cultura. Estará presentado por Sara Fernández. Nel actuarán a Escola de Gaitas de Becerreá, os cantareiros David Vilares e Bianca Núñez, o dúo Troupelear e por último o cantautor galego, Alfredo G. Vilela.

As Nogais volve a principios do século XX coa primeira Ruada 1900. Ás 15.30 horas é o inicio da recollida de peregrinos no Camiño Francés. Logo, ás 17.00 horas comeza a ruada con cantos de lavandeiras, personaxes históricas e un estudo de fotografía de Ruth Matilda Anderson. Ás 18.00 horas hai una inauguración da Escola Indiana con xogos populares e cunha menciñeira popular. Ás 19.00 horas chegan as maragatas para vender produtos e tamén haberá un obradoiro para facer xabóns. Ás 20.00 horas baile popular con premios á mellor caracterización. Ás 21.00 horas cea popular por 5 euros, baile para a xente solteira e posterior festa.