Festas e lembranzas

Xulio Xiz TRIBUNA

MEIRA

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Gerald Denley, poeta inglés en galego, escribiu dun pequeno bosque de piñeiros de Valdoviño que fora cortado e no seu lugar nacera a urbanización O Piñeiral. Quizais o destino de antigos costumes e labores é ser lembrados cunha placa ou unha festa. Coa despoboación do rural, desapareceron procesos seculares que hoxe son só lembranza dos máis vellos. E hai anos que o colectivo María Castaña rescatou a memoria do liño, sementando, recollendo, ripando, fiando… nun proceso que había anos que deixara de funcionar.

Aínda mediado o século XX, co excedente de persoas no agro, non só se podía atender á sega propia -que todas as casas sementaban trigo ou centeo para a xente, e aveas para os animais- senón que, por pura supervivencia, ían cuadrillas de segadores a Castela, que en Lugo se concentraban preto da porta de San Pedro para facer xuntos a longa viaxe. Isto agora é historia, e para saber o que era unha sega hai que sementar o trigo en plan comunal como fixeron este ano en Castro de Rei ou en Meira, uns para lembrar e outros para coñecer como era o ciclo do pan na nosa terra. Xa non digamos para coñecer o que era unha malla tradicional, que agora os que posúen a maquinaria axeitada organizan como festa de lembranza do que xa non existe.

Os vendavais da historia varreron traballos, costumes, crenzas e xeitos de vivir. Se non fose polos medios de comunicación e as festas de recuperación destes procesos, poderiamos dubidar que aqueles costumes algunha vez foron nosos, e que nós formamos parte dun país onde o agrario era razón de vivir, e o brazo humano a mellor máquina.