Once razóns para a gloria do poeta Avelino Díaz

MEIRA

A asociación cultural que leva o seu nome está a recoller sinaturas para que se lle dedique o Día das Letras Galegas  

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Avelino Díaz (1897-1971) conseguiu ser profeta na súa terra. O resultado non chegou pola súa preocupación persoal, pois a súa foi unha vida marcada pola emigración e pola distancia co lugar de orixe, senón máis ben grazas á asociación cultural que leva o seu nome. O colectivo ten organizado en Meira e en Riotorto, concellos nos que desenvolve o seu labor, diversas homenaxes ao poeta nos últimos anos. Espallar a súa figura é o obxectivo, tentando que iso contribúa a que a Real Academia Galega lle dedique un Día das Letras Galegas.

A asociación está a recoller sinaturas que logo se mandarán á RAG. O prazo remata o día 28, e as sinaturas deben mandarse á Libraría Pedregal, de Meira. Coas peticións de apoio á campaña, tamén se expoñen once razóns polas que a asociación cultural ve a Díaz merecente desa honra.

A diáspora

A primeira razón é que así se rendería homenaxe á diáspora: Avelino Díaz, nado na Órrea (Riotorto) e residente na nenez en Meira, emigrou a Arxentina na xuventude; volveu á terra natal, aínda que logo marchou outra vez a América: primeiro a Cuba e despois a Arxentina, onde viviu uns 50 anos e morreu. A segunda, porque se trata dun emigrante que tamén foi exiliado: Díaz escribiu varios poemas en louvanza de Castelao. A terceira, porque é un autor case descoñecido en Galicia e cunha formación adquirida en América: asistiu algo á escola na súa nenez, pero a maior parte da súa formación foi adquirida na emigración.

A cuarta, porque a súa obra poética é extensa (a asociación fala de 1.178 poemas) e en gran aparte inédita: Díaz publicou tres obras en vida «Flor de retama», «Debezos» e «Pallaregas». A quinta, porque «Debezos» é o primeiro poemario publicado en galego tras a Guerra Civil: durante anos, esa condición estaba asignada a «Cómaros verdes», de Iglesia Alvariño, saído do prelo semanas despois.

A sexta, porque cultivou todos os xéneros poéticos. A sétima, porque Neira Vilas o consideraba «o máis hábil versificador galego»: o autor de «Memorias dun neno labrego» tentou presentalo como candidato ao Día das Letras Galegas do 2014, iniciativa que a asociación cultural, segundo explica, non aopiou «á espera de poder reunir suficiente información sobre a súa vida e a súa obra».

A oitava, porque desenvolveu un amplo labor cultural e político en Bos Aires, algo que ten que ver coa homenaxe que así se rendería aos emigrantes e exiliados de «inalterable» amor a Galicia, citada como novena razón: Díaz formou parte do grupo arxentino da Organización Republicana Gallega (ORGA) e despois, tras a Guerra Civil, da Irmandade Galega. A décima, por ter sido correspondente da Real Academia Galega en tempos difíciles: foi elixido en 1951, en pleno franquismo. A undécima, por ser autor dunha obra de calidade: o profesor Benigno Fernández Salgado publicou «Avelino Díaz. 14 poemas», con traducións a varios idiomas.

Visita de descendentes

A asociación ten organizado roteiros por lugares de Meira e de Riotorto vencellados co poeta e actos de lectura de versos seus, e o colexio meirego e o centro sociocultural riotortense levan o seu nome. Ademais descendentes do escritor visitaron eses dous concellos no 2015 e foron recibidos nun acto institucional.