Abe Rábade estrea disco en Lugo: «Hai política en torno á paisaxe, máis alá da idealización 'buenista' do medio ambiente»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Abe Rábade elixiu o Festival de Jazz Lugo para estrear o disco.
Abe Rábade elixiu o Festival de Jazz Lugo para estrear o disco. PACO RODRÍGUEZ

O prestixioso pianista e compositor presentará «Nova Botánica», que combina música tradicional galega con jazz e música de cámara, o domingo 8 no Fuxan os Ventos, dentro do Festival de Jazz. Tamén actuará o xoves 12 co seu trío e o saxofonista Ariel Brínguez

06 nov 2026 . Actualizado a las 11:04 h.

O pianista e compositor Abe Rábade (Santiago, 1977) estreará en Lugo o seu novo disco —que xa é o 17 da súa extensa carreira—, Nova Botánica, un trenzado da música tradicional galega co jazz e a música de cámara. O concerto de presentación terá lugar este domingo, día 8, ás 19.30 no Auditorio Fuxan os Ventos, dentro do Festival de Jazz de Lugo. A actuación está organizada polo Concello de Lugo e a entrada é gratuíta, por orde de chegada. Abe Rábade ofrecerá un segundo concerto neste Festival de Jazz, esta vez, o xoves 12, co seu trío e con Ariel Brínguez como convidado. Nesta ocasión, será ás 22.30 no Club Clavicémbalo, con entradas á venda desde 8 euros.

O novo disco de Abe Rábade xorde do ecosistema sonoro iniciado co álbum Botánica (2022). O fío condutor é a vexetación autóctona de Galicia, con toda a súa estética a través da súa paisaxe, non co punto de vista folclórico, senón desde a súa dimensión ética e reivindicativa. Esta é unha das apostas máis fortes pola fusión de estilos arredor do jazz que se ten feito en Galicia, cunha participación de luxo en canto a número e valía dos músicos que forman parte do proxecto: Perico Sambeat (saxos alto e soprano), Davide Salvado (voz e percusión tradicional), Antía Muíño (voz e percusión tradicional), Pablo Martín Caminero (contrabaixo), Naíma Acuña (batería), Cibrán Seixo (violín) e Jimena Andión (violonchelo). E o videoartista Xacobe Meléndrez Fassbender encárgase de aportar proxeccións audiovisuais inmersivas para cada especie vexetal interpretada durante o concerto.

—Como será o concerto de Lugo?

—Estou súper ilusionado con que o primeiro concerto de presentación desta Nova Botánica sexa en Galicia e, concretamente, en Lugo, porque é unha cidade á que lle teño moitísimo cariño. Teño ascendencia luguesa, xa que miña nai é de Becerreá e meu pai de Cospeito, así que é un lugar co que teño vencellos moi fortes e que sinto afectivamente moi cerca de min. Tamén, pola miña práctica jazzística, sempre estiven ligado ao festival de Lugo e ao proxecto do Clavicémbalo que leva Alberto Grandío. Así que estou moi contento de que se puidera artellar esta presentación no festival de Jazz de Lugo, que creo que é, a día de hoxe, a referencia dos festivais de jazz de Galicia. Ademais, contaremos cunha sorpresa, xa que en cada concerto convidamos a un bailarín; neste caso, haberá unha bailarina en catro pezas do espectáculo.

—Ten dobre cita no festival.

—Este ano foi moi proteico e con moitísima actividade. Ademais, estou moi contento co novo axente que leva os meus proxectos, Rafa Monteavaro, porque está facendo un traballo magnífico e sinto que estamos tendo unha relación simbiótica moi sa e produtiva e el é unha peza fundamental para que este ano estea sendo así e o 2027 veña cargado de proxectos ilusionantes. E parte dese traballo intenso é que en Lugo temos dobre representación. Co trío, plantexámoslle a Alberto a posibilidade de traer un convidado especial; iso é unha experiencia interesante porque cando tes unha banda activa, coma o noso trío, que levamos xuntos desde o 2008, está moi ben de vez en cando convidar a un vento para unha ocasión especial. E isto vai acontecer o día 12 con Ariel Brínguez, un saxofonista cubano afincado en Madrid, un todoterreo e músico excepcional. Van ser dúas propostas moi contrastantes e moi diferentes entre si: a banda máis pioneira que teño neste momento, Nova Botánica, na que conflúen a música tradicional de Galicia co jazz e a música de cámara e, por outro, o meu proxecto de toda a vida, que é o trío dos meus amores, con Bruno Pedroso e Pablo Martín, cun convidado especial facendo un jazz máis ortodoxo e menos experimental.

—Como é «Nova Botánica»?

—Este disco é a evolución natural do anterior, Botánica, pero acentúa aínda máis o carácter de exploración a partir da música tradicional de Galicia e do jazz; a novidade con respecto ao anterior é tímbrica e incluso estilística. Hai unha apertura no disco cara a música de cámara, cunha sección de corda, con violín e violonchelo. De feito, hai momentos do disco no que un podería xurar estar escoitando música barroca, por exemplo. O xogo que ten o disco son esas pontes entre diferentes estéticas musicais. Pero máis que facer unha fusión de estilos, trátase de buscar a súa coexistencia. Esa é a razón pola cal están Davide Salvado e Antía Muíño, por exemplo; eu quero que estean na súa salsa, que o que aporten no disco é o que eles de forma natural aportan á música. Créase un ecosistema de coexistencia porque Nova Botánica é unha aposta polo colectivo, pola creación artística en colectivo desde a diferenza e a diverxencia, pero apostando por que esa posibilidade de crear desde diferentes bagaxes existe e pode ser explorada. Así que ten unha parte experimental e antropolóxica.

—Que papel xogan os espazos naturais de Galicia no disco?

—Toda a fonte do disco é o que simboliza a vexetación de Galicia, algo que tendemos a idealizar, cunha dimensión estética, pero detrás diso hai tamén unha dimensión ética, e eu diría que case política. Que queren dicir certas especies vexetais do país? Que quere dicir o eucalipto, por exemplo? Pois hai un tema dedicado a iso, Eucalipto é mafia, quen queira pode ver as cifras de eucaliptización de Galicia e do que iso significa para o territorio, a nivel biolóxico, sociolóxico, económico e medioambiental. Ese é un fío do que tira o disco. Outro fío é o que representan as oliveiras, como símbolo da resistencia, nestes tempos que corren, por exemplo, falamos da resistencia palestina, que é onde están encapsuladas todas as opresións do colonialismo neste momento. Así que en torno á paisaxe, tamén hai política e posicionamentos que van máis alá da idealización buenista do medio ambiente. As manifestacións artísticas non deben renunciar á súa vocación política.

—Como se lle pon banda sonora a todo este ecosistema galego?

—Ten un puntiño de loucura. Cando ti fas un disco que ten un referente externo que cho vertebra, déixaste levar dalgunha maneira por ese xogo metafórico e entran na estruturación musical elementos que non entrarían desde a propia música. Son un montón de vectores diferentes operando, cunha diversidade estilística e conceptual e acaban aflorando cousas interesantes. Despois desa parte de loucura e creatividade sen límites, sempre hai unha parte de limitación do material, para que cristalice. E hai que conxugar as dúas cousas.

—En que paraxes naturais se inspirou para o disco?

—As Fragas do Eume, por exemplo, están moi presentes no disco, así como a Devesa da Rogueira, no Courel. E nese proceso de experiencia previa co medio foi fundamental a axuda de Xacobe Meléndrez, videoartista e ecoloxista histórico de Galicia, que é quen vai facer as proxeccións das especies durante o espectáculo, guiando esa especie de inmersión do público nun bosque sonoro.

—Cal é a importancia de citas coma a do Festival de Lugo?

—Moitísima. Nestes momentos, ademais, é o festival de referencia, pola duración que ten, pola escolla de grupos e a política coa que opera, contando sempre con bandas locais, do estado e internacionais. Fai unha aposta poliédrica polo mundo do jazz e é unha das citas imprescindibles en Galicia.