Un percorrido visual en clave de humor a favor da sostibilidade das especies en Lugo

L. B. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

«Comedy Wildlife. Premios de fotografía» pode visitarse ata o vindeiro 23 de xaneiro na Sede Afundación

05 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cautivar empregando o humor e a sorpresa para achegar o encanto do reino animal e facer unha chamada de atención sobre o perigo medioambiental ao que están sometidas moitas especies. Ese é o eixe vertebrador de Comedy Wildlife, unha magnífica colección de imaxes de natureza coa singularidade de que as especies conectan co espectador sacándolle un sorriso. A selección con máis de 70 obras fai parada en Lugo e pode visitarse ata o vindeiro 23 de xaneiro na Sede Afundación de luns a sábado en horario de 17.00 a 20.00.

Animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns ou píllaras aparecen na selección de imaxes, que foron ademais recoñecidas entre 2015 e 2025 polo premio homónimo. Nos últimos tempos, a fraxilidade dos nosos ecosistemas e das súas especies provoca unha crecente preocupación medioambiental que xera multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas. Este tipo de mensaxes resultan contraproducentes ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou evasiva, que busca minimizar esa angustia, denominada eco ansiedade, experimentada cando nos enfrontamos a un asunto medioambiental de tales dimensións.

Para evitar este rexeitamento nace o certame The Comedy Wildlife. Premios de fotografía. A iniciativa busca divulgar mensaxes en favor da sostibilidade das especies a través de fotografías cargadas de humor, sorpresa e diversión.

Exposición internacional

A selección, con obras tomadas en todos os continentes, chega á cidade tras encher museos e centros de exposicións de Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá. A través de Afundación, a mostra percorreu cidades como Vigo, onde atraeu a máis de 15.000 visitantes; A Coruña, onde foi visitada por case 29.000 persoas e centros coma o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, onde acudiron preto de 55.000 persoas.

Así lucenses e visitantes poden mergullarse na filosofía do cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o fotógrafo especializado en natureza Paul Joynson-Hicks, quen afirma que as cuestións de conservación e sostibilidade vida silvestre están gañando impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes. Esta tendencia animou a crear os galardóns xunto cos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood. Desde 2015 premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente fermoso e interconectado».

A exposición demostra que unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deban ser negociados. «A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente aos animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.