A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, fala sobre o Caudal Fest 2026: «Este festival xa forma parte da vida da nosa cidade»

ANDRÉS QUINTIÁN LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A alcaldesa Elena Candia, na entrada do recinto.
A alcaldesa Elena Candia, na entrada do recinto. LAURA LEIRAS

O Concello de Lugo é unha das institucións que colabora co festival de música

19 sep 2026 . Actualizado a las 22:10 h.

A celebración da oitava edición do Caudal Fest foi posible, un ano máis e entre outras cousas, grazas á colaboración do Concello de Lugo. A alcaldesa Elena Candia explica como foi a colaboración entre o Executivo local e Bring the Noise.

—É a súa primeira edición do Caudal Fest desde que asumiu o cargo de alcaldesa. Como viviu a ocasión?

—Vivino con moita ilusión e tamén con orgullo, porque estamos ante un festival que xa forma parte da vida da cidade. Estamos falando do terceiro festival de Galicia e dun dos máis grandes de España, cunha afluencia de case 20.000 persoas cada día no recinto. Lugo volveu demostrar que ten capacidade para acoller un evento desta dimensión e para recibir durante dous días a milleiros de persoas que viñeron desfrutar da música, pero tamén da nosa cidade.

—Cal foi a achega do Concello ao festival este ano?

—Para esta edición do Caudal impulsamos diferentes medidas para facer do festival unha experiencia máis cómoda, segura e comprometida coa cidade. Puxemos en marcha a prepulseirización na Casa do Concello, que permitiu ás persoas asistentes chegar ao recinto coa pulseira xa colocada, e reforzamos de maneira significativa o transporte público gratuíto, especialmente nas horas de maior afluencia. Tamén facilitamos a presenza de entidades sociais da cidade no propio recinto con espazos para que amosen o seu traballo.

—Que supón esta cita musical para Lugo?

—Aínda que estamos pendentes de coñecer os datos económicos finais, o Caudal Fest ten unha repercusión evidente na hostalaría, no comercio, nos aloxamentos e, en xeral, na actividade económica da cidade. Pero para min hai algo máis: cada persoa que vén ao Caudal ten tamén a oportunidade de coñecer todo o patrimonio que temos: o natural, o cultural e o histórico. O festival axúdanos a proxectar a cidade e a demostrar que Lugo está preparada para acoller eventos desta dimensión.

—O festival celebrouse pouco antes do San Froilán. Que importancia ten para a cidade acoller estes dous eventos tan masivos en tan pouco tempo?

—É unha oportunidade e tamén unha responsabilidade. Son dous eventos diferentes, pero ambos colocan Lugo no mapa durante unhas semanas de enorme actividade cultural e de lecer. O importante é que a cidade estivo preparada para acoller esta afluencia e que funcionen ben os servizos: transporte, limpeza, seguridade, información...

—Que lle pareceu o cartel deste ano? Pensa que o Caudal seguirá medrando?

—O cartel deste ano foi moi completo e de gran nivel, con artistas xa moi consolidados e tamén con outras propostas que están a gañar cada vez máis presenza e público. Creo que foi unha programación á altura do momento que está a vivir o festival. As cifras desta edición tamén demostran a dimensión que está adquirindo o Caudal. É un festival que está medrando e que ten capacidade para seguir facéndoo, pero sempre mantendo aquilo que o fai especial: a súa identidade e a súa vinculación con Lugo. E hai tamén un elemento que para min lle dá un valor engadido: a súa localización, ao carón do Miño, nunha contorna moi singular da cidade.

—Dende o Concello reforzaron os buses lanzadeira. Foi unha boa iniciativa?

—Si. Sumámonos á guía de boas prácticas para eventos que impulsa a Xunta de Galicia e quixemos aplicar tamén ao Caudal medidas vinculadas á mobilidade sostible. Nun festival desta dimensión, facilitar os desprazamentos é fundamental, e por iso este ano reforzamos o servizo de autobuses lanzadeira. Durante as dúas xornadas, os autobuses funcionaron de maneira ininterrompida desde as 16:30 ata as 3:45 horas, conectando a Praza de Bretaña coa parada da Volta da Viña, nas inmediacións do recinto. E, ademais, entre as 22:30 e as 3:30 horas reforzamos o servizo con máis autobuses, coincidindo coa franxa de maior afluencia. Foi un servizo gratuíto que facilitou que moitas persoas deixasen o coche na casa ou, no caso de quen viñese de fóra, puidesen deixalo no seu aloxamento e desprazarse en transporte público ata o festival. Creo que é o que temos que facer desde o Concello: anticiparnos ás necesidades dun evento destas características e poñer facilidades para que as persoas poidan desfrutalo con maior comodidade e seguridade.