Iniciativas innovadoras coa gastronomía de sempre desde Lugo: «A cociña reconfortante está cada vez máis demandada»
LUGO CIUDAD
O Restaurante Apañar, con sona pola súa aposta por produtos locais e «brunch», celebra esta semana degustacións de tapas, clases de cociña e un catering en Bycar
08 sep 2026 . Actualizado a las 15:05 h.Iniciativas innovadoras, pero coa gastronomía de sempre e apostando polos produtos de calidade e proximidade. Esta é a filosofía coa que triunfa o Restaurante Apañar, de Lugo. Con case un ano de traxectoria na cidade, o local xa se converteu nun referente en brunch, bocadillos, croquetas e outros pratos de elaboración caseira e tradicional. A isto hai que engadir as numerosas actividades que celebran: esta semana, por exemplo, contarán con degustacións de tapas, clases de cociña e un catering en Bycar. Á fronte desta iniciativa hostaleira está Pilar Costoya, cunha ampla experiencia e formación no sector hostaleiro.
«Somos un local pequeno, pero facemos moitas cousas interesantes», explica Pilar Costoya. Exposicións de arte, caterings, clases de cociña, a iniciativa «caffè sospeso» (café pendente)... Dentro da súa programación, este xoves, día 10, contarán coas actividades gratuítas «Mañana de tapas», ás 12.00 horas, e «Clase de cocina», ás 17.00, para gozar dunha mañá e tarde diferentes, cociñando, compartindo e saboreando, previa inscrición e da man da empresa AMC.
A maiores, este sábado, día 12, instalarán un catering a partir das 16.00 horas nas instalacións de Bycar, con motivo da celebración do segundo aniversario do taller. Servirán bocadillos, croquetas e outras elaboracións caseiras.
Pratos «de toda a vida»
Apañar abriu as súas portas en decembro do ano pasado e está especializado en cociña tradicional, «tendendo á atlántica e mediterránea, que é a que nos toca por país». Trátase dunha gastronomía a base de produtos locais, de proximidade e quilómetro 0, coa que están acadando unha gran sona.
«Notamos que cada vez hai menos locais onde fagan comida de sempre e se recuperen pratos de toda a vida e que estean ben elaborados. Pero esa cociña saudable e reconfortante está cada vez máis demandada porque agora a xente cada vez cociña menos nas casas, pero segue buscando a calidade», explica Pilar Costoya.
Comida para levar
Ao final, «non deixan de ser pratos de toda a vida, que cando os comes che recordan á túa avoa, á túa nai, ao momento de fogar... E iso é o que intentamos facer no noso local, volver á cociña da avoa», continúa esta hostaleira lucense.
Ademais dos pratos tradicionais, Apañar está especializado nos brunch, «o clásico almorzo contundente», explica Costoya, e ofrecen servizo de comida para levar, abrindo tamén os sábados e os domingos.