O paradoxo da nova estación

LUGO CIUDAD

Exterior de la estación de tren de Lugo.
Exterior de la estación de tren de Lugo. LAURA LEIRAS

Lugo estrea estación. Nova, moderna, accesible, chamada a ofrecer unha imaxe renovada do ferrocarril na cidade. Porén, a estrea coincide cunha realidade menos luminosa: a perda de paradas, a insuficiencia das frecuencias e a progresiva desaparición daquela función de proximidade que permitía ao tren vertebrar o territorio. Velaí o paradoxo: melloramos a estación mentres corremos o risco de empeorar aquilo para o que unha estación existe.

A semana que vén cúmprense 175 anos do nacemento de Emilia Pardo Bazán. Entre as moitas dimensións dunha personalidade fascinada pola modernidade está a súa relación co automóbil, que axiña percibiu non só como unha máquina capaz de aumentar a velocidade, senón como unha nova forma de liberdade. Pardo Bazán asociou a modernidade do automóbil á liberdade de elixir o camiño. O paradoxo é que, máis dun século despois, podemos estrear unha estación máis moderna mentres se reducen os camiños que o ferrocarril nos permite elixir.

Nun territorio como o noso, tan importante como chegar lonxe é poder chegar preto. Que o tren comunique vilas e comarcas, que permita estudar, traballar ou acudir aos servizos sen depender necesariamente dun coche. Falamos moito de mobilidade sostible, de reducir o vehículo privado e de vertebración territorial. Pero non hai sostibilidade sen alternativas nin cohesión territorial se cada vez hai menos lugares aos que chegar en transporte público.

A nova estación é, sen dúbida, unha boa noticia. Sería aínda mellor se a súa modernidade se medise non só pola arquitectura ou polos minutos aforrados, senón polas posibilidades que abre. Porque o verdadeiro progreso non consiste unicamente en chegar máis rápido. Consiste tamén en poder escoller o camiño.