Lugo acollerá os días 12 e 13 de setembro a Feira Galega de Artesáns na Rúa da Raíña
LUGO CIUDAD
A cita reunirá a 16 profesionais de sectores como a cerámica ou a xoiaría, busca dinamizar o centro e apoiar os oficios tradicionais
08 sep 2026 . Actualizado a las 19:06 h.A Rúa da Raíña de Lugo converterase os vindeiros días 12 e 13 de setembro no escenario central da Feira Galega de Artesáns. Trátase dunha iniciativa concibida para achegar ao centro da cidade diferentes propostas de artesanía tradicional e contemporánea, permitindo á veciñanza e aos visitantes coñecer de primeira man o proceso creativo e o traballo directo dos profesionais participantes.
Coa celebración deste evento, Lugo consolídase como unha das 12 localidades que integran este ano o Circuíto da Feira Galega de Artesáns, unha programación promovida pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración e co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
A feira reunirá a un total de 16 obradoiros profesionais que amosarán a diversidade de técnicas e disciplinas presentes no panorama artesanal galego. Entre os sectores representados figuran a cerámica, a marroquinaría, a xoguetería, a bisutería, os complementos de moda, a carpintaría, a xoiaría e a elaboración tradicional de bonecos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, presentaron a actividade acompañadas polo presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín. Durante o acto, os representantes municipais e do sector coincidiron na necesidade de habilitar espazos no centro urbano para apoiar a comercialización directa destes produtos.
Elena Candia remarcou que esta proposta encaixa coa estratexia do Goberno local de dinamización económica e de defensa dos produtos con identidade propia: «Dietrás de cada peza hai unha persoa, un oficio e moitas horas de traballo; son propostas que poñen en valor a autenticidade de quen as elabora e que, ao mesmo tempo, contribúen a xerar actividade e oportunidades no territorio».