Máis de 300 atletas cítanse este domingo nas pistas de Lugo coa Game Series

LA VOZ LUGO

LUGO CIUDAD

Imaxe da presentación da competición, que tivo lugar este mércores nas pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera de Lugo.
Imaxe da presentación da competición, que tivo lugar este mércores nas pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera de Lugo.

Esta competición ao aire limbre combina de forma intercalada 4 quilómetros de carreira con 9 estacións de esixentes exercicios físicos

08 jul 2026 . Actualizado a las 11:43 h.

As pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera de Lugo acolleron a presentación oficial da terceira parada das Games Series, a Liga Galega de Deporte Híbrido. O acto institucional contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e do delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, que destacaron o éxito de convocatoria para a cita deste domingo 12 de xullo, que supera os 300 inscritos (89 en categoría individual e 224 en parellas).

A competición consiste nun formato de fitness ao aire libre que combina catro quilómetros de carreira con nove estacións de exercicios de alta esixencia intercalados no céspede interior do estadio. Está aberta a todos os públicos e divídese nas modalidades individual e dobres (masculina, feminina e mixta).

Esta parada en Lugo é clave para o campionato, xa que puntúa para a liga regular e, ademais, outorga un pase directo á gran final galega, que se disputará na Estrada o vindeiro 27 de setembro, para os tres primeiros clasificados de cada categoría absoluta.

O circuíto: 4 km de carreira e 9 desafíos físicos

Os atletas deberán completar 10 tramos de carreira de 400 metros (unha volta á pista) intercalados co paso obrigado polas seguintes 9 estacións:

  • Estación 1: 500 metros en máquina de remo.
  • Estación 2: 50 saltos ou subidas ao caixón.
  • Estación 3: 100 metros transportando un saco Husafell de 30 kg.
  • Estación 4: 200 metros de paseo do granxeiro con dúas pesas rusas de 20 kg.
  • Estación 5: 50 abdominais con balón medicinal de 7 kg.
  • Estación 6: 60 metros de zancadas con saco de 20 kg.
  • Estación 7: 20 metros de «paso do oso» desprazando un slamball de 30 kg.
  • Estación 8: 50 lanzamentos de balón de 6 kg a unha diana de 2,70 metros.
  • Estación 9: 60 metros avanzando con saltos tras burpee antes de cruzar a meta.