O Mago Antón recibe premio en Lugo: «A xubilación é o único xogo de ilusionismo que me nego a aprender»
LUGO CIUDAD
Pioneiro da maxia profesional galega e da normalización lingüística no sector escénico, leva máis de medio século espallando ilusión e maxia en galego. Este sábado, día 13, recibirá na Despensa do Saa o galardón «Mil primaveras máis»
10 jun 2026 . Actualizado a las 13:10 h.Antón López Rivas (Castroverde, 1956), máis coñecido como o Mago Antón, é un auténtico piar da cultura galega. Pioneiro da maxia profesional galega e da normalización lingüística no sector escénico, o Mago Antón leva máis de medio século espallando ilusión e maxia en galego, desde que no ano 1975 tomase a decisión de facer da maxia en galego o seu motor vital. E, lonxe de pensar na retirada, a súa paixón segue tan viva coma o primeiro día, sempre impulsando novas iniciativas artísticas e culturais.
Como recoñecemento á súa traxectoria como mago e divulgador da cultura galega, este sábado, día 13, recibirá o premio «Mil primaveras máis», deseñado polo artista Leandro Barea. O acto terá lugar ás 20.30 horas na taberna cultural A Despensa do Saa, en Lugo: «Valoramos especialmente que convertese a maxia nunha ferramenta de orgullo lingüístico. O seu proxecto «Mil maxias máis» contaba con xogos e ilusións orixinais creados para poñer en valor a palabra e o patrimonio cultural galego».
—Que supón recibir este premio?
—Toda a vida me dediquei a intentar asombrar ao público, pero teño que confesar que, desta volta, o gran sorprendido fun eu. Entendo que este premio é un recoñecemento á miña traxectoria e faime moita ilusión, porque me lembra outros tempos. Aló polo ano 1975 tomei unha decisión, desas que se toman unha soa vez na vida: facerme mago profesional en Galicia e en galego. Nestes cincuenta anos aprendín que a verdadeira maxia está na comunicación, na emoción e na conexión directa coa xente, e facelo en galego é a miña semente para axudar a que a nosa fala siga florecendo e alcance esas mil primaveras máis. Por certo, gustaríame compartir este premio con todos os que empregan a nosa lingua no traballo, nas festas, no amor e na vida cotiá.
—Como foi ese traballo de normalización lingüística na maxia? Sobre todo tendo en conta o contexto dos anos 70.
—Galicia será o que queira ser grazas á nosa fala. Para min, falar en galego sempre foi algo natural e inherente. E foi o meu mestre Xosé Manuel Carballo, cura e ilusionista, o que me ensinou a comunicar a maxia en galego. Antes que mago fun ventrílocuo, e xunto a Facundo —un boneco labrego moi retranqueiro— actuabamos no corazón das festas e falabamos de cousas que, daquela, non se podía falar. Para min non foi unha época difícil, foi unha época necesaria para poñer en valor a lingua e o patrimonio.
Dende entón, todo o que fago bebe do noso: o Camiño de Santiago en «Vía Láctea», Cunqueiro en «Merlín e Familia», o patrimonio material e inmaterial en «Onde está o Mago Antón?» para a TVG, e outros proxectos sempre vencellados á nosa cultura.
Hoxe en día, a normalización lingüística precisa de moita innovación, profesionalidade e de moita, moita maxia para facer do galego algo atractivo para a xente nova.
—En que proxectos está traballando actualmente?
—Pois a verdade é que, despois de cincuenta anos de oficio, sigo coa mesma teima de sempre: non aburrirme e non aburrir ao público. Agora mesmo, o meu día a día xira arredor de «50 (1975-2025)», unha viaxe emocional pola miña traxectoria, deseñada para poder celebrar este aniversario tan especial de preto coa xente no Magomóbil.
Tamén ofertamos «L.E.D. (Levitación, Escapismo e Desaparición)», proposta que nace para converter cada concello nun escenario de asombro e ilusión para públicos familiares nas festas do Nadal. Ademais, temos en xira dous clásicos da miña traxectoria: «A Volta a Galicia en 313 Concellos», unha volta ás miñas orixes, e «Mil Maxias Máis», onde levamos a nosa lingua por bandeira.
Por outro lado, estamos a producir un novo espectáculo chamado «Cagliostro. Unha historia de maxia no Camiño» para o Xacobeo. Este espectáculo introduce ao público nunha lenda do Camiño de Santiago, baseada nun romance de cego de Darío Xohán Cabana.
—Pensa en xubilarse ou iso non entra nos seus planes?
—A xubilación é o único xogo de ilusionismo que me nego a aprender. Teño a inmensa sorte de traballar no que me gusta coa mesma paixón dos vinte anos, por iso teño unha cousa moi clara: eu sei que pasarei á outra beira facendo maxia.
—Como ve a situación da maxia na actualidade en Galicia?
—Vexo a maxia galega nun momento extraordinario, cun prestixio enorme, tanto no resto de España como no mundo. O punto de inflexión marcámolo no 2006, cando creamos a Asociación de Magos Profesionais de Galicia. Daquela, xuntámonos todos os compañeiros de profesión cunha idea moi clara na cabeza: tiñamos que conseguir que a maxia fose considerada unha arte escénica en pé de igualdade co teatro, coa danza e coa música. E conseguímolo! A día de hoxe, somos a única comunidade que logrou este fito, ata o punto de que moitos magos do mundo aínda se preguntan que clase de maxia utilizamos para facelo realidade.
Hoxe estamos a recoller os froitos de todo o que sementamos daquela. Temos unha fornada brillante de magos emerxentes e, sobre todo, un público moi entendido e esixente. Isto débese a que durante anos houbo, e segue a haber, festivais internacionais de altísimo nivel, xornadas máxicas para magos, proxectos itinerantes que democratizaron a ilusión levándoa ata a última aldea, e unha aposta firme por mesturar o ilusionismo coa nosa cultura e patrimonio. Xa contamos co Museo da Maxia de Galicia en Santiago de Compostela, e fago a firme predición de que, algún día, esa ansiada Casa da Maxia que tantos anos levamos imaxinando, aparecerá en Galicia para que toda a xente poida coñecer a abraiante historia da nosa arte.