Sara Piñeiro expón en Lugo: «Traballo con excedentes de po de canteiras e residuos que xa non teñen valor no mercado»
LUGO CIUDAD
A artista emerxente presenta ata o 24 de xullo na galería Néboa «Truer», con pezas elaboradas a partir de subprodutos da industria e a mirada posta no insignificante
01 jun 2026 . Actualizado a las 13:29 h.Unha ollada ao insignificante, ao mínimo, coa lupa posta no imperceptible, que adoita quedar á marxe dos focos. É o que propón a artista emerxente Sara Piñeiro (Sanxenxo, 1996), que acaba de inaugurar unha exposición na Galería Néboa, de Lugo, que dirixe Alba López Porto. A mostra, que leva por título Truer, conta cun texto de Eva Antelo Mata e poderá visitarse ata o 24 de xullo.
Sara Piñeiro estréase así na programación expositiva de Lugo cunha mostra que aborda a construción da imaxe a partir de materiais fráxiles e dispositivos auxiliares, como cintas adhesivas ou po mineral. Trátase de subprodutos da industria e materiais periféricos doutras profesións, elementos necesarios para a cotiandade, pero que pasan desapercibidos. En palabras de Eva Antelo, a artista «amósanos diversos camiños para volver á unidade ínfima, para repensar o pequeno, o esquecido, o insignificante. Coidar a mosca que quedou pegada na cinta que aínda tiña pegamento, do caracol inocente que cruza polo teu camiño cando chove. Truer, por certo, vén da maneira na que a súa avoa dicía o verbo traer (‘trueume’ isto, ‘trueunos’ aquilo) e do inglés ‘truer’ (voz comparativa de ‘true’, verdadeiro). Á fin e ao cabo, que hai máis verdadeiro que os anacos do que somos?».
—Como naceu esta exposición?
—De xeito bastante orgánico. A proposta foi de Alba, que coñeceu o meu traballo nunhas residencias artísticas o ano pasado. Alí presentaba a primeira formalización dunha liña na que estou traballando, con po de distintos granitos. A ela interesoulle o meu traballo e propúxome facer unha exposición en Néboa. E todas as pezas que están na exposición de Lugo son de nova produción, deste ano, feitas entre Bruxelas e Madrid.
—Que pode ver o público nesta mostra?
—Hai dúas liñas principais de pezas. Por unha parte, están os tecidos con material periférico da pintura, como son as tintas; e, por outra, os lenzos, minerais... como superficies intermedias feitas con distintos aglutinantes e con po de pedra. A orixe disto vén do excedente de po procedente da canteira familiar que tiña meu pai hai moitos anos. A partir de aí, intereseime por outros serradoiros de pedra que seguen en activo en diferentes puntos da Península, aos que puiden ter acceso para conseguir este po. Así, traballo con estes excedentes de po de canteiras e residuos que xa non teñen ningún valor no mercado, un residuo que non se utiliza para nada, e desde esta partícula plantexo unha especie de construción de superficie pictórica, desde a partícula mínima.
—De onde vén este gusto polo detalle e polo mínimo, por poñer a lupa no que case non se ve?
—Foi sucedendo organicamente. Eu empecei co debuxo e coa pintura e sempre me interesaron máis os formatos pequenos. Neste proceso de práctica fóronme interesando cada vez máis estes excedentes, restos ou materiais que se utilizan no proceso, que son indispensables, pero que son descartados, sen ter lugar na obra final. Aí empezou o interese nas tintas, en papeis moi febles... A veces ten que ver co encontro fortuíto, cun interese que se foi facendo cada vez máis grande no anecdótico, no superfluo, no mellor sentido das palabras, porque é do que se constitúe a materia. No momento en que eu me encontrei con este material, como é o po, xa se desencadeou todo, empecei a traballar con partículas mínimas, incluíndo pos domésticos. E todos eses elementos que proveñen de materiais de renome, con valor no mercado e na industria, perden a súa diferenciación, pero collen outra vez valor, hai como unha especie de reminiscencia da pedra, da pintura... Pero sempre como dunha forma lateral.
—É difícil crear arte a partir de residuos e obxectos cotiáns?
—Si, totalmente, pero eu creo que tamén é unha tendencia de toda a escola galega, que temos moita relación co obxecto encontrado e co residuo, é como algo co que nos familiarizamos moito desde os anos da carreira e pode ter moitas lecturas: pode ter que ver precisamente coa precariedade, coa accesibilidade a determinados materiais, coa necesidade de experimentar...
—Que tal está sendo a acollida da exposición?
—Pois moi boa, estou moi agradecida por esta oportunidade. O espazo é unha pasada, dá bastante esperanza e alegría ver este tipo de espazos artísticos.
—En que outros proxectos está traballando?
—En xullo termino a residencia artística en Matadero, en Madrid, e haberá portas abertas o 12 e 13 de xullo. E máis adiante, precisamente tamén con Néboa, presentaremos obra, xunto ao artista Edu Gil Alsina, en Artesantander.