Unha vintena de alumnos de Lugo aprenden chinés grazas a un programa pioneiro da Escola de Idiomas

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Clausura do programa da EOI cunha entrega de diplomas ao alumnado participante que tivo lugar no CEIP Illa Verde.
Clausura do programa da EOI cunha entrega de diplomas ao alumnado participante que tivo lugar no CEIP Illa Verde.

Este mércores tivo lugar a clausura da iniciativa que se desenvolveu en tres colexios da cidade

28 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Por terceiro curso consecutivo, a Escola Oficial de Idiomas de Lugo promoveu a aprendizaxe de chinés como actividade extraescolar en colexios de ensino primario de Lugo. Este ano participaron neste programa os CEIP Anexa, Illa Verde e Rosalía de Castro, con grupos de iniciación e grupos de continuidade nalgún dos centros. As clases, que están impartidas pola asistente de conversa do Departamento de Chinés da EOI de Lugo chegada a través do convenio de colaboración co Centro para a Ensinanza de Idiomas e Cooperación (CLEC, polas siglas en inglés), remataron cun acto de clausura este mércores no CEIP Illa Verde, con presenza de alumnado, familias, profesorado e autoridades educativas.

Como en cursos anteriores, a directora territorial de Educación en Lugo, Sagrario Sánchez, fixo entrega de diplomas de participación ao alumnado. Estivo acompañada do director da EOI de Lugo, Fernando Vázquez, e dos directores dos tres centros de primaria que participan no programa, así como de profesorado do Departamento de Chinés da EOI de Lugo. Neste acto de clausura tamén fixeron entrega dun agasallo de final de curso. O ano pasado agasallouse ao alumnado con material para a práctica de caligrafía chinesa, e nesta ocasión prepararon outro relacionado coa cultura do país asiático: un jianzi ou volante de plumas tipicamente chinés para xogar co pé.

Esta innovadora iniciativa comezou no curso 2019/2020, que tivo que ser interrumpido pola pandemia. Posteriormente, no curso 2023/2024, retomouse con máis determinación nos CEIP Illa Verde e Rosalía de Castro. O CEIP Anexa, que participara nos inicios, reincorporouse ao ano seguinte. Os estudantes dos últimos cursos de primaria dos centros participantes teñen a oportunidade de inscribirse de xeito gratuíto en clases extraescolares de chinés dunha hora semanal durante varios meses. «Aprenden o máis fundamental para introducirse a esta lingua tan allea ao galego e a outros idiomas europeos. Aplícase un método lúdico para que os rapaces aprendan sen presión, tamén sobre cultura chinesa, para incrementar a competencia intercultural. Despois dun curso son capaces de presentarse e están familiarizados co vocabulario máis básico», explica Fernando Vázquez, director da EOI de Lugo.

Durante esta cuarta edición do programa, participaron no programa arredor de 25 alumnos e alumnas de entre terceiro e sexto curso de primaria dos tres centros. «A partir dos 14 anos, os estudantes que desexen profundar na aprendizaxe da lingua chinesa e acadar unha certificación oficial poden matricularse na escola oficial de idiomas», sinala Fernando Vázquez, director da EOI de Lugo.

Achegar a lingua chinesa aos mais cativos é, precisamente, o obxectivo principal desta actividade. «Existen moitos prexuízos sobre a dificuldade do chinés, preséntase como unha lingua imposible de aprender e non é así. A gramática, por exemplo, é sinxela. Os desafíos principais teñen que ver coa pronuncia e coa escrita, xa que o chinés é unha lingua tonal cun sistema de escrita que non é alfabético. Exixe constancia para ver resultados, pero desde o principio abre unha fiestra a unha cultura que hai que coñecer para adaptarse aos cambios que veñen neste século XXI, o século de Asia», comenta pola súa banda Pino Alonso, xefa do Departamento de Chinés da EOI de Lugo.